Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui pon en marcha unha nova campaña de apoio ao mercado de comercio local

19/01/2024

Coincide co período de rebaixas e a celebración do Entroido. Haberá sorteo de experiencias gastronómicas

“O teu mercado, a túa xente” e “O teu comercio, a túa xente” son os lemas da nova campaña de dinamización e promoción do mercado de abastos e comercio local posta en marcha polo Concello de Tui coincidindo coa celebración do Entroido e o período de Rebaixas.

O obxectivo é poñer en valor a contribución deste sector ao desenvolvemento da cidade e os valores de apoio á veciñanza e de orgullo polo propio.

A iniciativa publicitaria vai a estar baseada na elaboración de pequenas historias ou experiencias "reels" dando protagonismo aos e ás comerciantes que ofrecen todo o que a veciñanza precisa coa mellor calidade e moi centrada no produto típico destas datas, así como nas rebaixas.

Tamén terán protagonismo as persoas compradoras para as que se incentivará a súa participación co sorteo de premios de experiencias gastronómicas na restauración local ou con produtos do comercio local. O sorteo activarase o luns 29 de xaneiro na conta de Instagram e Facebook de QUEROTUI. As persoas participantes interactuarán coa campaña a través das súas recomendacións de produtos ou establecementos do comercio local desde o luns 29 de xaneiro ata o mércores 14 de febreiro de 2024. As condicións para participar serán publicadas na vindeira semana.

Esta campaña forma parte do proxecto de "Reforma e modernización do mercado municipal e dixitalización e revitalización do comercio local de Tui" que contan cun investimento de 1.338.844,00 euros financiados con fondos Next Generation, tras ser beneficiario do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do goberno de España.

Mercado renovado e con novas prestacións

Esta campaña, ao igual que novas accións publicitarias que se van realizar, buscan posicionar a Tui como un destino de interese de cara a reapertura do novo mercado cunha imaxe modernizada, mellores prestacións para comerciantes e compradores e zonas atractivas para asistir en familia. A empresa tudense Plaintec está a executar a obras, adxudicada o pasado mes de novembro por un importe de 1.322.706,42 euros, cun prazo de execución de 8 meses.

O alcalde, Enrique Cabaleiro, destaca que este importante investimento xunto co fortalecemento e promoción comercial suporá unha potente acción dinamizadora que se vai notar noutros sectores como o turismo ou a restauración.