Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui felicita ao Club Kaiak Tudense polo éxito organizativo e deportivo do Campionato de España de Maratón celebrado na cidade

21/08/2012

O Concello de Tui quere felicitar publicamente ao Club Kaiak Tudense pola excelente organización do Campionato de España de Maratón de Piragüismo que este sábado e domingo se celebrou en Tui.

 

Nesta proba de carácter nacional quedou demostrado, sinala o concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo, que o Kaiak Tudense non só é un dos mellores clubs de España a nivel deportivo, senón que conta tamén cunha gran capacidade de organización de eventos de primeiro nivel coma o desta fin de semana. Para Nicolás Lorenzo este Campionato de España confirmou que o río Miño é unha excelente pista natural para  práctica deportiva que se ve reforzada coas infraestruturas deportivas do Centro Municipal de Piragüismo e do Centro Interfederado. Engade o edil que o campionato foi moi espectacular e o público se volcou coa proba de tal xeito que “superamos ese divorcio que durante tantos anos había entre o río e a cidade”.

 

Amais do éxito organizativo o Concello de Tui quere felicitar tamén ao Club Kaiak Tudense polos excelentes resultados deportivos cun ouro, tres pratas e dous bronces, e a clasificación como 3º club de España.

 

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, felicita tamén ao Kaiak Tudense polo extraordinario campionato desta fin de semana, indicando que coas condicións naturais e as infraestruturas deportivas o municipio pode aspirar no futuro a acoller un Campionato de Europa ou do Mundo de piragüismo.

 

Dende Concello de Tui queren amais felicitar a Iván Alonso, Ana Varela, Carla Pérez, Ramón Ferro e Óscar Graña que neste campionato de España conseguiron praza para estar no Campionato do Mundo en Roma o próximo mes de setembro, desexándolle moita sorte nesta competición.

 

Por outra parte desexan animar ao padeeiro Manuel Garrido, medalla de bronce neste Campionato de España en c1 senior, que non conseguiu praza para o Mundial no seu primeiro ano na categoría absoluta. Dende o Concello están seguros de que o esforzo deste tudense, tres veces campión do Mundo en sub23, terá a súa merecida recompensa na próxima temporada onde de seguro competirá no Mundial de piragüismo en Maratón.