Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui convoca unha nova edición do concurso de debuxo escolar para elixir a postal de Nadal de 2023

25/10/2023

O prazo de presentación dos traballos remata o 22 de novembro. Vai dirixido ao alumnado de Primaria do municipio.

A concellería de Ensino, Cultura e Mocidade do Concello de Tui convoca  unha nova edición do Concurso de Debuxo Escolar para a elección da postal de Nadal do Concello de Tui para este ano 2023. Este certame vai dirixido ao alumnado de Primaria dos centros educativos do municipio. As bases desta convocatoria veñen publicadas hoxe no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.

A temática deste concurso de debuxo escolar é "O Nadal en Tui". O obxectivo é que os nenos e nenas tudenses, expresen a través dun debuxo o significado do Nadal e a súa relación co noso concello, por tanto é obrigatorio incluír na postal algunha referencia a Tui.

Poderán participar todos os nenos e nenas matriculados en Educación Primaria nos centros educativos radicados no municipio de Tui, tanto públicos coma concertados.

Cada participante presentará un único traballo orixinal e inédito con técnica libre. Establécese coma condición que o deseño non presente releves, nin purpurinas ou outro material similar para facilitar a súa reprodución impresa. Cada centro escollerá as doce mellores postais que serán enviadas á Concellería de Ensino, Cultura e Mocidade do Concello de Tui para presentar ao xurado deste concurso de debuxo infantil. O prazo de presentación dos traballos remata o 22 de novembro de 2023 ás 14 h.

A obra gañadora do concurso será a postal do Nadal do Concello de Tui.

Establécese un primeiro premio consistente nun lote de material educativo e de pintura por valor de 100 euros. O segundo premio será lote de material educativo e de pintura por valor de 50 euros, e o terceiro premio un lote de material educativo e de pintura por valor de 40 euros.

A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla, explica que "a finalidade deste certame escolar é fomentar a expresión artística, a creatividade e a participación activa da poboación infantil tudense nas tradicións do Nadal". Destaca que o traballo gañador deste certame será o que empregue o Concello de Tui na súa postal de Nadal coa que tradicionalmente felicita á veciñanza do concello, tal como ben facendo nos últimos anos.