Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui acolle a presentación en Galicia e Norte do Portugal do proxecto “Kaminos: de Sefarad al nuevo mundo”

24/02/2023

Será o próximo mércores, 1 de marzo. Nace coa vocación de crear catro rutas transfronteirizas en torno ao patrimonio xudeu que compartimos España e Portugal

O próximo mércores, 1 de marzo, celebrarase en Tui unha xornada de presentación do proxecto “Kaminos: De Sefarad al nuevo mundo”, que nace coa vocación de crear catro rutas transfronteirizas en torno ao patrimonio xudeu que compartimos España e Portugal.

O Concello de Tui acollerá esta presentación en colaboración coa Red de Juderías de España e especialmente cos municipios galegos de Monforte de Lemos e Ribadavia, que ao igual que Tui forman parte tamén da Red de Juderías.

A proposta “Kaminos: De Sefarad al nuevo mundo” está promovida por Walter Wasercier, vicepresidente da Cámara de Comercio hispano-israelí e director para a Península Ibérica de El-Al a compañía aérea de Israel entre 1998-2019, e con amplo coñecemento do mundo vinculado ao xudaísmo.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, agradece a celebración na nosa cidade desta xornada para debater as posibilidades que este proxecto abre para o noso territorio e a súa capacidade de atractivo como produto turístico e como artellar unha colaboración público/privada para o seu desenvolvemento.

Esta xornada de presentación contaría tamén coa intervención tanto de Walter Wasercier como de Marta Puig, xerente da Red de Juderías de España, pero sobre todo pretende ser un foro aberto para contrastar opinións, debater a proposta e como traballar conxuntamente para artellar unha oferta turística de calidade e competitiva arredor do patrimonio xudeu co que contamos no noso territorio e as posibles vías de financiamento a través de proxectos de cooperación transfronteirizos.

O Concello de Tui dende a súa incorporación, no ano 2019, á Red de Juderias de España – Caminos de Sefarad, ven traballando por afondar na promoción turística deste legado histórico e patrimonial. O turismo cultural relacionado co patrimonio xudeu resulta un produto de especial atractivo e cun gran potencial de chegar a mercados e segmentos de potenciais visitantes que están interesados por este tema.