Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O comercio local fará gala de orixinalidade e creatividade este Nadal

22/11/2023

Até o 11 de decembro está aberto o prazo para participar no I Concurso de Escaparates de Nadal

O comercio tudense fará gala de creatividade e orixinalidade nestas festas para participar no I Concurso de Escaparates de Nadal 2023/24 organizado polo Concello de Tui, a través da concellería de Emprego e Comercio, en colaboración con ACITUI, a Asociación de Comerciantes e Industriais de Tui. O obxectivo do mesmo é dinamizar o comercio de proximidade e impulsar a actividade comercial durante as festas.

Deste xeito, con esta iniciativa, os escaparates presentarán propostas orixinais e creativas con temática do Nadal, creando unha historia única en cada establecemento. Isto contribuirá ao ambiente festivo nestas datas, a incentivar as compras e tamén o paseo polas rúas comerciais para coñecer as creacións de cada comercio. Faise tamén unha aposta pola economía circular xa que na elaboración dos escaparates deberanse empregar técnicas sostibles, materiais de refugallo ou elementos naturais.  

Os establecementos que desexen participar deberán enviar a solicitude ao correo comercio@tui.gal até ás 14 h do luns 11 de decembro. Deberase indicar o nome e emprazamento do establecemento e un nome e teléfono de contacto. Axuntaranse dúas fotografías do escaparate e unha breve memoria explicativa.  A partir do 15 de decembro o xurado - formado por profesionais de recoñecido prestixioso nas áreas de escaparatismo, deseño, mercadotecnia, promoción comercial, fotografía e deseño de interiores, e presidido pola concelleira de Emprego e Comercio - visitará os escaparates participantes, que estarán debidamente identificados. Na súa valoración terán en conta a composición e orixinalidade na temática de Nadal, o uso dos artigos que se comercializan coma elementos decorativos, a interacción co público, o emprego obrigatorio de técnicas sostibles, de materiais de refugallo ou elementos naturais, e o traballo realizado na confección do escaparate. Entre todos elixirán aos dez finalistas, que recibirán un distintivo cun código QR que dará acceso ao público a votar a través da aplicación Easy Promos entre 28 de decembro e o 6 de xaneiro. O martes 9 de xaneiro daranse a coñecer os tres establecementos gañadores que recibirán un premio de 300 € o gañador, 200 € o segundo, e 100 € o terceiro clasificado. Amais todas as persoas que participen na votación optarán a seis vales de compra por importe de 50€ para consumir nos comercios participantes. As bases completas do concurso pódense consultar en tui.gal.

O comercio local, ACITUI e o Concello de Tui únense nesta iniciativa que será un atractivo máis para achegarse a Tui nestas festas de Nadal.

Bases I Concurso de Escaparates de Nadal 2023/24