Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Alcalde presentará ao Pleno unha proposta contra a supresión da Oficina Liquidadora no Rexistro da Propiedade de Tui

6/07/2012

O ALCALDE DE TUI PRESENTARÁ AO PLENO UNHA PROPOSTA CONTRA A SUPRESIÓN DA OFICINA LIQUIDADORA NO REXISTRO DA PROPIEDADE DE TUI

 

Venres, 6 de xullo de 2012. O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, presentará ao vindeiro Pleno da Corporación Municipal unha proposta para amosar a oposición do Concello de Tui a posible supresión da Oficina Liquidadora do Rexistro da Propiedade de Tui por canto significa unha regresión nos servizos públicos e prexudica gravemente aos veciños de Tui e do Baixo Miño que con esta decisión estará obrigados a maiores desprazamento para satisfacer as súas obrigas tributarias coa Comunidade Autónoma.

 

Esta Oficina Liquidadora desenvolve con cargo aos tributos cedidos á Comunidade Autónoma importantes funcións ao servizo dos cidadáns (recepción de documentos, tramitación expedientes, recursos, devolucións, etc.). Coa nova normativa que pretende implantar a Comunidade Autónoma esta Oficina Liquidadora perde as súas funcións de información, asistencia e comprobación, resultando ser unicamente unha mera oficina receptora de documentos. Nestas Oficinas Liquidadoras se xestionan entre outros o tributos de Sucesións e Doazóns ou de Transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados

 

En opinión do rexedor tudense esta Oficina Liquidadora posúe importantes vantaxes para os cidadáns pois:

-           xestionan a tributación en contacto directo co contribuínte

-           asesoran aos cidadáns no trámite da autoliquidación

-           xestionan eficazmente a tributación como reflicten diversos estudos

 

A eliminación desta Oficina suporá un alonxamento entre a Administración Pública e os cidadáns, e privará á nosa cidade e aos veciños do Baixo Miño dun importante servizo público, fronte as pretensións de centralización de servizo –que obriga aos cidadáns a desprazamentos e gastos-  ou de implantación telemática –que non chega ao 5%-, compre defender, sinala Moisés Rodríguez Pérez, o mantemento dunha Administración cercana aos cidadáns. Amais esta decisión repercute negativamente na vida social e económica de Tui ficando privada a nosa cidade dun importen servizo público.