Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destacou o papel fundamental das eurocidades na cooperación transfronteiriza ante a comisaria europea Elisa Ferreira

27/10/2023

Sinalou a necesidade de que conten con personalidade xurídica. Amais salientou coma desafíos do territorio a mobilidade transfronteiriza, o río Miño e contar cun marco normativo común

O papel fundamental das eurocidades na cooperación transfronteiriza foi destacado esta mañá polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, ante a comisaria europea Elisa Ferreira.  Referiuse o rexedor tudense á necesidades de que estas entidades conten con personalidade xurídica propia.  Amais expuxo os tres principais desafíos deste territorio transfronteirizo: a mobilidade, o río Miño, e contar cun marco normativo común.

A comisaria europea Elisa Ferreira, visitou hoxe Tui para coñecer de primeira mans os proxectos transfronteirizos que se están a desenvolver entre Galicia e o Norte de Portugal. O encontrou celebrouse no Parador de Turismo San Telmo de Tui, onde estiveron representantes das eurocidades Tui-Valença, Tomiño-Cerveira, Salvaterra-Monçao, e Verín-Chaves, pero tamén da AECT Río Minho, do EuresTransfronteirizo, da Xunta de Galicia e o Ministerio de Facenda, entre outras entidades.   

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, comezou a súa intervención resaltando a importancia da creación de instrumentos de cooperación tranfronteiriza. Indicou que as eurocidades, pese a non contar con personalidade xurídica, son “instrumentos fundamentais de cooperación transfronteiriza” e subliñaba que un dos retos que hai por diante é poder dotar a estas entidades desa personalidade xurídica.

Referiuse amais Enrique Cabaleiro aos desafíos deste territorio sinalando en primeiro lugar a mobilidade, aludindo a necesidade  dun transporte público entre un e outro lado do Miño. Nese senso avanzou coma o Concello de Tui e a Cámara de Valença están a traballar nunha iniciativa neste ámbito. O segundo desafío citado por Enrique Cabaleiro foi o río Miño, e aínda que lembrou que as Eurocidade Tui-Valença e Salvaterra-Monçao xa desenvolveron o proxecto “Río Miño, destino navegable”, é preciso  facer fronte á problemas que presenta coma a contaminación e a falla de caudal. Tamén sinalou en terceiro lugar a necesidades dun marco normativo común, xa que explicaba que “a realidade administrativa de España é unha e a de Portugal outra”, de aí a necesidade  desa normativa común que permita dicía “desenvolver os proxectos de forma máis áxil e eficaz”.

Noutro momento das intervencións a vicepresidenta da Cámara de Valença, Ana Paula Xavier, destacou que a Eurocidade Tui-Valença creada hai dez anos é fundamental, engadindo que os programas Interreg continúan a ter un impacto importantísimo neste territorio, avanzando nese senso conxuntamente con Tui-Valença coa AECT Río Minho están traballando xa nos proxecto que presentar a nova convocatoria dos POCTEP. 

A comisaria europea Elisa Ferreira escoitou con atención e tomou nota das intervención das distintas persoas representantes das entidades presentes no encontro  e na súa intervención final sinalou que “foron moi inspiradoras”.