Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O 40% das persoas que realizaron o Camiño Portugués en setembro saíron dende Tui

5/10/2023

Consolídase a desestacionalización do Camiño e a afluencia de peregrinos internacionais que representaron o 62,6%

Un total de 5.322 persoas saíron dende Tui no pasado mes de setembro para realizar o Camiño  Portugués de Santiago. Representan o 40% dos 13.300 peregrinos e peregrinas que en setembro percorreron esta vía xacobea. Estes datos da Oficina do Peregrino da Catedral e Santiago, e os aportados pola Oficina Municipal de Turismo de Tui, en setembro  confirman a desestacionalización da presenza de visitantes e peregrinos na cidade.

Tui consolídase así coma o segundo lugar de inicio do Camiño de Santiago tras Sarria, en todas as rutas xacobeas, segundo as estatísticas da Oficina do Peregrino da Catedral e Santiago, unha posición mantida ao longo dos meses. Cómpre salientar que de Valença saíron en setembro 1.912 persoas cara Compostela.

Así unha media de 443 peregrinos e peregrinas percorren diariamente a cidade, segundo se desprende destes datos. Boa parte dos mesmos fan noite en Tui nos establecementos de hostalería tudense e moitos aproveitan tamén para coñecer a cidade.

Das 13.300 persoas que en setembro realizaron esta ruta xacobea 65,62% eran estranxeiras e o 33,56% eran españolas segundo os datos da Oficina do Peregrino da Catedral e Santiago.

Dos peregrinos e peregrinas internacionais o 10,24% portugueses, o 8,22% estadounidenses, case o 8% alemáns, e o 4,63% italianos. Pero tamén se rexistraron cidadáns de Brasil, Reino Unido, Canadá , Australia, Holanda, República Checa, ou México.  Mentres nos peregrinos nacionais o 32% foron andaluces, o 14% madrileños, o 12% valencianos, e case un 8% canarios.

A concelleira de Turismo do Concello de Tui, Ana Núñez Álvarez, sinala que estes datos confirman “a consolidación dos procesos de desestacionalización na afluencia de peregrinos e peregrinas especialmente de procedencia internacional que garanten que a peregrinación actúe como un motor do sector turístico tudense practicamente ao longo de todo o ano”. Engade que “estas son unhas cifras que reclaman de todos os axentes implicados unha aposta pola calidade da acollida e a hospitalidade na nosa cidade para consolidar esta tendencia”.