Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Novas medallas tudenses en Campionatos de Europa e de España

3/07/2013

Martes, 2 de xullo de 2013. A pasada fin de semana deportistas tudenses competiron no Campionato de Europa Sub23 e júnior de piragüismo, así como no Campionato de España de Remo Olímpico, acadando excelentes resultados.

 

Catro representantes do Club Kayak Tudense competiron no Campionato de Europa Sub23 e júnior de piragüismo, disputado na localidade polaca de Poznan, onde Óscar Carrera e Rubén Millán acadaron a medalla de prata na modalidade K4 1.000 metros. Óscar Carrera volveu a repetir medalla, esta vez de bronce, na modalidade K2 500 metros, sumando catro medallas continentais na súa carreira deportiva.

 

Joan Ardit, na modalidade K2 200, xunto ao seu compañeiro Paulino Otero, estiveron a punto de acadar o podio, pero a falta de 75 metros, perderon o ritmo de palada e remataron sextos.

 

Por último, Andrea Porteiro, que formaba parte do K4 500 metros júnior obtivo a novena posición na súa primeira participación nos Campionatos de Europa.

 

No Campionato de España de Remo Olímpico competiron os dous clubs de remo do Concello de Tui, o Club Remo do Miño e o Club Remo Tui, acadando dous ouros e dúas pratas.

 

Os integrantes do Club Remo do Miño, David Prada, Cristián Fernández, Jorge André Carvalho e Óscar Alonso, obtiveron a medalla de prata no catro scull absoluto masculino.

 

Iago Izquierdo e Alejandro Fernández foron cuartos na modalidade dous sen. E na modalidade de oito con temoeiro Bruno Martín Amorín, Iago Izquierdo, David Prada, Cristián Fernández, Óscar Alonso, Jorge André Carvalho, Francisco Izquierdo, Miguel Martínez e Nadine Fernández tamén obtiveron a cuarta posición.

 

Pola súa banda, os remeiros/as do Club Remo Tui obtiveron dúas medallas de ouro e unha de prata. Así, na modalidade de dobre scull absoluto feminino, Nuria Domínguez e Esmeralda Santos, acadaron a medalla de ouro. As dúas, xunto a María Cristina González e Feli Rodríguez, na modalidade catro scull absoluta feminina, volveron a acadar a medalla de ouro.

 

E a medalla de prata foi para Jesús Álvarez e Sergio Pérez, na modalidade dobre scull absoluto masculino. Estes remeiros, xunto a Miguel Ruiz e Damián Alonso obtiveron a cuarta posición na modalidade catro scull absoluto masculino.

 

O Concello de Tui felicita aos deportistas, aos adestradores e aos clubs deportivos, polos excelentes resultados acadados nestes campionatos, que elevan o palmarés tudense ao máximo nivel nacional e internacional.

 

Nas próximas datas, dependendo das axendas dos deportistas, realizaranse as recepcións aos deportistas no Concello de Tui.