Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Música no Claustro celebra dende o mércores a súa novena edición cun programa interdisciplinar

6/08/2013

Os concertos serán ás 21h no Claustro Gótico. Tamén haberá visitas nocturnas á Catedral

 

Luns, 5 de agosto de 2013. Este mércores comeza a novena edición de Música no Claustro, un festival que naceu en 2005 coma plataforma dos músicos locais e que, sen perder de vista este obxectivo inicial, ten crecido nestes nove anos ata converterse nun festival de referencia e consolidado, non só a nivel galego senón tamén no norte de Portugal, que aposta de xeito claro pola música e a creación contemporánea.

 

A presentación deste ciclo de concertos tivo lugar esta mañá no Claustro Gótico da Catedral de Tui, onde a partir do mércores se celebrarán os concertos. Neste acto interviron o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, o director-xerente do Xacobeo, José Paz, o cóengo emérito da Catedral, D. Ricardo García, xunto a Samuel Diz, director artístico de Música no Claustro, e Guadi Galego, integrante de aCadaCanto.

 

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, sinalou que “este é un festival consolidado” ao tempo que felicitaba “a todos os que fan posible Música no Claustro”. Convidaba ao público a achegarse a Tui e disfrutar das actividades previstas.

 

José Paz, director-xerente do Xacobeo, que este ano patrocina o festival, felicitou  a organización “por esta programación que entendemos que é magnífica, e que sabemos e coidamos que en próximas edicións se poderá levar a cabo con maior axuda e maior potenciación”.

 

O mentor de Música no Claustro, Don Ricardo García, lembrou que a idea inicial que o levou a crer neste proxecto foi “ dar a coñecer os valores musicais da canteira local”.

 

Samuel Diz, director do Ciclo de Concertos, comezou explicando os inicios do festival en 2005 “cunha idea inicial que continua vixente como é o apoio aos músico tudenses” sumando un “programa interdisciplinar no que buscamos dar cabida a distintas linguaxes”.

 

Guadi Galego, integrante de aCadaCanto, explicou que é para eles un privilexio poder participar neste evento musical, presentado un concerto homenaxe a Rosalía coa estrea dos vídeos dos temas do seu traballo “A Rosa d’Adina” gravados na propia catedral. Hoxe mesmo deron a coñecer un destes vídeos gravado nos xardíns-mirador da S. I. Catedral de Tui, producido por Músicas de Salitre coa colaboración de Música no Claustro.

 

O programa de concertos comezará o mércores con Germán Díaz, zanfona-jazz, o xoves o propio Samuel Diz presentará no festival o seu traballo “Guitarra Clásica Galega”, o venres será a quenda de Silvia Penas, poesía con Aíd, rap, e o sábado o concerto de aCadaCando homenaxe a Rosalía. O domingo recibirán a visita do prestixioso festival Música en Compostela que ofrecerá un paseo musical con microconcertos de música clásica nas diferentes capelas e retablos do conxunto catedralicio. Todos os concertos comezarán ás 21h.

 

Dende este festival, como antes se mencionaba, mantense  o espírito inicial de apoio aos músicos de Tui que comezan ao través do Ciclo JL Música no que este ano van actuar Sandra Pérez, percursión; Sergio Alonso, guitarra; Lucia Vicente, cello; e Juan M. Cao, saxofón.  Como novidade haberá unha homenaxe o mércores a Adolfo Besada polos seus 50 anos no mundo da música, e 20 dende que inaugurou a Escola de Música de Tui, segundo dicía Samuel Diz “moitos tivemos a oportunidade de estudar música grazas a súa labor”.

 

Pero Música no Claustro ofrece tamén como actividades tres obradoiros para nenos sobre “O aroma da nosa contorna” e “Constrúe o teu instrumento”.  Tamén están previstas tres conferencias sobre “Historia da Música en Galicia” por Lorena López Cobas, “Proxector Virtual de Recuperación do Patrimonio Musical Galego s.XIX-XX” a cargo de Milagros Bará Viñas, e “A Música na Guerra Civil Española” por Marco A. De la Ossa, premio nacional de Musicoloxía en 2009. Na primeira e na terceira conferencia presentaranse tamén dous volumes monográficos sobre o tema a tratar.

 

Haberá amais visitas guiadas nocturnas ao triforio, a cuberta e o campanario, guiadas polo historiador Suso Vila, o mércores, xoves, venres e sábado ao remate dos concertos cun prezo de 6€. Establécese un aforo de 20 persoas e se debe reservar praza no 986 60 05 11 ou no correo contacto@musicanoclaustro.com. Amais o sábado ás 12h farase un “Itinerario artístico musical” da man do historiador Suso Vila e do organista Daniel Goberna.

 

Música no Claustro aposta este ano tamén pola artesanía xa que cada día da programación a tenda local Porta da Pía presentará a creación de artesáns de textil, olería, zoquería, escultura cerámica, pel, ou percusión tradicional no propio Claustro.

 

Toda esta información pode ampliarse en www.musicanoclaustro.com así coma nas redes sociais Facebook e Instagram.