Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Mañá sábado lectura pública de poemas no "Día de Rosalía"

22/02/2013

COA LECTURA PUBLICA DE POEMAS SE COMPLETAN AS ACTIVIDADES DO “DÍA DE ROSALIA” ORGANIZADAS POLO CONCELLO DE TUI

Amais neste sábado se entrega unha flor xunto aos libros que se merquen nas librerías e os se retiren en préstamo na Biblioteca

 

Mañá sábado á 19,00 horas terá lugar un acto de lectura pública de poemas de Rosalía de Castro organizado pola Biblioteca Municipal tudense que pechara as actividades programadas polo Concello de Tui arredor da celebración do “Día de Rosalía”. Este acto terá lugar na Sala Felix Rodríguez González (no edificio Área Panorámica).

 

Neste acto está prevista a participación de alumnos do CEIP nº1 e do IES “Indalecio Pérez Tizón” da nosa cidade, xunto á poeta Marga do Val ou representantes da Asociación de Amigos da Poesía así como diversos veciños que se suman a esta celebración. Xunto á lectura dos poemas haberá tamén varias intervencións musicais a cargo, entre outros, de Antonio Vilariño e Samuel Diz.

 

Ao longo do sábado se agasallará cunha flor a todos os que merquen un libro nas librerías tudenses ou retiren un libro en préstamo na Biblioteca Municipal. O Concello de Tui anima a todos os cidadáns a sumarse a esta iniciativa promovida pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega  (AELG) que anima á cidadanía a agasallar un libro en galego e unha flor no día do nacemento de Rosalía de Castro.

 

O Concello de Tui súmase este ano á celebración do “Día de Rosalía” dando cumprimento a un acordo plenario adoptado no pasado 2012 pola Corporación Municipal. Este ano ten unha especial relevancia ao se cumpriren 150 da publicación de “Cantares Gallegos”, o primeiro libro íntegro monolingüe do renacemento da nosa literatura culta. Con este motivo, os actos arredor do  24 de febreiro, data na que naceu Rosalía de Castro, tentan proxectar a figura e obra rosaliana nos diferentes sectores sociais da nosa cidade.

 

Tamén no decurso deste acto serán entregados os premios ao gañador e accesits do concurso de fotografía “Lendo na casa”.