Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Máis de 300 alumnos e alumnas de 5º e 6º de Primaria participaron hoxe en “O Cine nas aulas”

7/11/2023

Un total de 313 alumnos e alumnas de 5º e 6º de Primaria de Tui participaron hoxe na segunda proxección deste curso do programa “O Cine nas Aulas” organizado polo Concello de Tui a través da concellería de Servizos Sociais.

O alumnado CEIP’s de Pazos de Reis, Nº2, Randufe, Guillarei, Rebordáns, Caldelas e Colexio Marista Santa María, visionou unha película sobre a que traballarán temas coma a empatía, a perda de seres queridos, os propósitos na vida, ou a análise das personaxes, a través das unidades didácticas elaboradas dende o Servizo municipal de Prevención das Drogodependencias. Para que todos os centros puidesen asistir á proxección o Concello de Tui puxo a disposición do alumnado os autobuses precisos para o transporte.

O concelleiro de Servizos Sociais, Ismael Diz, deu esta mañá á benvida aos alumnos e alumnas ao Teatro Municipal para participar neste programa que leva desenvolvéndose dende hai máis dunha década.

A primeira proxección deste curso tivo lugar o pasado 17 de outubro, dirixida nese caso ao alumnado de 4º da ESO dos centros tudenses.