Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A loita contra a piratería no Índico plasmada na exposición Misión Atalanta

20/10/2022

O luns ás 19 h haberá unha conferencia a cargo do comandante naval do Miño, Pablo Redondo Belzunce

Até o 28 de outubro o anexo da Sala Municipal acolle a exposición “Misión Atalanta”. Reúne 43 imaxes seleccionadas do libro do mesmo título editado pola Subdirección Xeral de Publicacións e Patrimonio Cultural no ano 2013. A exposición ilustra o traballo realizado polas Forzas Armadas desde 2009 na loita por erradicar a pirataría en augas do Índico.

Esta mostra relata o esforzo e sacrificio dos 8.000 militares da Armada que desde 2019 formaron as dotacións dos buques de guerra e as tripulacións de helicópteros embarcados e do persoal do Exército do Aire despregado no ·Destacamento Orión” en Xibutí, e do Exército de Terra na misión EUTM Somalia para instruír ao exército somalí.

A Operación Atalanta foi tanto a primeira actuación naval da Unión Europea no marco da Política Común de Seguridade e Defensa que se puxo en marcha en decembro de 2008 como a primeira misión militar específica de loita contra a pirataría, aínda que España impulsara antes a creación dun mecanismo de coordinación de medios militares para combater os ataques no mar coa operación Centinela Índico.

O acto inaugural, o luns 17 de outubro, contou coa presenza de numerosas autoridades dende o alcalde en funcións, Rafael Estévez, membros da corporación, o subdelegado de Defensa en Pontevedra, Miguel Cortés, a subdelegada do goberno en Pontevedra, Maica Larriba, entre outros. Tamén entre os presentes atopábase o que foi o patrón do Alacrana cando o barco foi secuestrado por piratas precisamente nesa zona.

De forma paralela a esta exposición o próximo luns, 24 de outubro, ás 19 h haberá unha conferencia a cargo do comandante naval do Miño, Pablo Redondo Belzunce.

A exposición pode visitarse de luns a venres de 9 a 14 h e de  16 a 21h  e os sábados de 9 a 13 h.