Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Letras Galegas 2020

15/05/2020

Cada 17 de maio, dende 1963, Galicia conmemora o Día das Letras Galegas. Unha data para celebrar a nosa literatura e a nosa lingua. A Real Academia Galega elixiu o 17 de maio porque o precisamente o 17 de maio de 1863 publicábase “Cantares Galegos” de Rosalía de Castro

O primeiro día das nosas letras estivo dedicado precisamente a Rosalía de Castro. E Rosalía de Castro foi unha das autoras que centrou o traballo do escritor, profesor e investigador Ricardo Carballo Calero, homenaxeado este ano.

Este ano debido á pandemia da COVID-19 non se poderán realizar os tradicionais actos que habitualmente se celebraban coma a Feira do Libro Galego no Paseo da Corredoira. Toca reinventarse e festexar as nosas a través das redes sociais e empregando as novas tecnoloxías coma soporte. 

Dende o mércores 13 de maio as redes sociais do Concello - Facebook, Twitter e Instragram- e da Radio Municipal - Facebook e Twitter - recollen unha serie de publicacións que nos achegan á figura e obra figura do homenaxeado neste 2020, de Ricardo Carballo Calero (1910 -1 990).

Ferrolán de nacemento, a traxectoria de Carballo Calero levouno a protagonizar a historia do galeguismo do século XX. Estudou Dereito e Filosofía e Letras en Santiago de Compostela, e sendo mozo foi membro do Seminario de Estudos Galegos e colaborador da histórica revista Nós. No ano 1936 participou na redacción do Estatuto de Autonomía e xa no exilio interior, implicouse activamente nas estratexias de recuperación do idioma propio.  Entre as súas primeiras obras atópanse os poemarios Trinitarias e La soledad confusa, escritas en castelán, e Vieiros e O silenzo axionllado, en galego. Ademais, destaca a súa novela Scórpio, baseada na súa experiencia durante a guerra e a ditadura franquista. Novela galardoada co Premio da Crítica Española de narrativa galega. Da súa autoría é tamén Historia da Literatura Galega Contemporánea e Gramática elemental del gallego común.

Membro da Real Academia Galega, destacou tanto no ámbito da creación literaria como na crítica e na investigación filolóxica, converténdose en 1972 no primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galegas.

Amais nas redes sociais compártense dende o venres até o domingo 17 unha serie de vídeos sobre o #DíadasLetrasGalegas. A concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente, explica precisamente a proposta deste ano. 

Na Feira do Libro que o domingo 17 de maio tiña previsto celebrar a súa vixésimo terceira edición no Paseo da Corredoira ía participar as dúas librarias tudenses: Iris e Espazo Lector Nobel. Os libros non poderán saír ás rúas, pero sí están nos seus andeis para festexar esta data. 

Tamén deixan nestas Letras Galegas 2020 a súa mensaxe tres escritoras: Conchi Regueiro, Iria Misa e Marga do Val.

Nos centros educativos o Día das Letras Galegas ten cada ano especial conmemoración, e nesta ocasión fanno tamén aínda que sexa de forma virtual. Comparten as súas propostas connosco o CRA Mestra Clara Torres, o CEIP nºº, o CEIP de Randufe, o Colexio Maristas e o IES San Paio. 

O domingo, o Día das Letras Galegas, haberá tamén nas redes sociais unha proposta lúdica con dúas sopas de letras nas que haberá que buscar algunhas das verbas máis fermosas do idioma galego.