Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Eurocidade Tui-Valença organiza 17 andainas para 2013 nas que agarda que participen máis de 2.500 persoas

26/02/2013

A Eurocidade Tui-Valença organiza 17 andainas para 2013 nas que agarda que participen máis de 2.500 persoas

 

Luns, 25 de febreiro de 2013. Un total de dezasete andainas configuran o programa de Andainas Saudables que promove para este ano a Eurocidade Tui-Valença. A presentación desta actividade tivo lugar este mediodía, no antigo convento de Santo Domingo de Tui, a cargo do alcalde de Tui e do presidente da Cámara de Valença, o secretario Xeral para o Deporte, o director Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, e os concelleiros de Deportes de Tui e Valença. Tamén participaron os representantes de Celtas do Minho e Verdeazul que serán os responsables de guiar estes percorridos.

 

Son un total de 17 andainas as previstas para este ano entre o 9 de marzo e o 14 de decembro. Haberá dúas que se van celebrar fóra do territorio da Eurocidade e outra andaina será nocturna. En 2012 nas 13 andainas realizadas participaron 1000 persoas e percorreron 167 quilómetros. Este ano agardan chegar aos 2.500 participantes xa que se incrementa o número de actividades a realizar.

 

Marina Carvalho de Montañeiros Celtas do Minho explicou que as andainas serán en Valença o segundo sábado de mes e en Tui o último domingo de mes. Entre as novidades deste ano está a publicación dun pasaporte onde figuran o programa completo previsto e que será selado en cada andaina. Tamén convocarán un concurso fotográfico entre outras iniciativas a realizar para incentivar a participación.

 

O concelleiro de Deportes de Tui, Nicolás Lorenzo, abriu a súa intervención salientando que este circuíto de andainas saudables é “un bo exemplo do futuro desta Eurocidade, e do cómo un bo traballo conxunto pode dar os seus froitos, de cómo aunando esforzo se poden optimizar recursos e se pode facer máis con menos”. Esta actividades explicaba o edil que forma parte dun proxecto deportivo que este ano estará conformado por 13 eventos: torneo de fútbol 7 benxamín e alevín, campionato ibérico de Kung-Fu, torneo de pesca deportiva, proba de bicicleta de montaña, carreira atlética de 10 quilómetros, cuadriatlón, trofeo de balonmán, liga de fútbol sala, campionatos de tenis e de baile deportivo e un festival aéreo.  Algunhas destas probas se celebraron xa o ano pasado “colocando á Eurocidade no mapa deportivo galego do norte de Portugal” segundo Nicolás Lorenzo. Amais o concelleiro salientaba que “un dos nosos obxectivo prioritarios é ter unha poboación fisicamente activa” e por tanto “máis sa e máis feliz e con maior benestar e calidade de vida”.

 

O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, manifestou que a súa presenza neste acto interprétase como un símbolo de apoio da súa Dirección Xeral a esta Eurocidade, a que explicaba “lle temos especial cariño porque é unha iniciativa que nace da  propia demanda social”. Engadía que esta é unha Eurocidade xa coñecida en Bruxelas apuntando que contou e vai contar con distintas iniciativas da Unión Europea.  Avanzaba amais Jesús Gamallo que están a ultimar a publicación dunha Guía de Recursos da Eurocidade que vai recoller non só os recursos patrimoniais das dúas cidades senón tamén os gastronómicos, de lecer...

 

O secretario xeral para o Deporte da Xunta, José Ramón Lete Lasa, sinalou que “hoxe vense posibilidades, fiestras de colaboración entre fronteiras. O río é un elemento común e a Eurocidade é a oportunidade para dar resposta aos desafíos que temos”. Avanzou amais que no prazo dun mes, aproximadamente, abrirá en Tui unha Unidade de Promoción do exercicio que terá a súa sede no Centro Interfederado de Remo e Piragüismo en Tui, na que se prestará asesoramento á poboación da Eurocidade sobre a práctica de actividade física para mellorar a calidade de vida. Ao fronte desta unidade estará un licenciado/a en Ciencias da Actividade Física.

 

O presidente da Cámara de Valença, Jorge Salgueiro Mendes, expuxo que “a Eurocidade non é un proxecto que se teña quedado no papel senón que está a ter o seu desenvolvemento na sociedade tudense e valenciana a favor do seu futuro, neste caso en favor da mellora da súa actividade deportiva”. Aludiu amais a proxección como destino turístico  tanto no Norte de Portugal como en Galicia.

 

Por último o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, afirmaba que “a Eurocidade está viva e ten moito futuro” engadía que agora as dúas cidades traballan na mesma dirección e se van coñecendo pouco a pouco. Explicaba que “temos moito máis que ofrecer pero queremos ir dando os pasos pouco a pouco”. Por último animaba o rexedor tudense a participar nas andainas programadas para este ano 2013.

 

 

Pulsar para agrandar