Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Este sábado celébrase a I subida o Monte Aloia “Romaría das Angustias”

28/06/2012

Ás doce da noite rematou o prazo de inscrición para participar na I Subida ao Monte Aloia “Romaría das Angustias” organizada polo Club Deportivo Anda Tui Rego da Pedra.

 

Este evento foi presentado onte á mañá no Concello de Tui polo alcalde, Moisés Rodríguez, o concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo, o presidente do Club Deportivo AndaTui RegodaPedra, entre outros.

 

José Martínez Tato, presidente do club organizador, indicaba que tras realizar a Andaina Tudense, barallaban distintas iniciativas, entre elas esta subida recuperando así unha tradición que se perdera, e que el lembra de hai anos. Explicaba que nesta Subida pode participar calquera persoa, e no percorrido darán a coñecer distintas zonas do Parque Natural do Monte Aloia. Ao remate xa no cumio do monte haberá cea e festa ata altas horas, e os que queiran poderán quedar a durmir na zona de acampada que estará aberta.  Agardan superar o centenar de participantes.

 

Nesta presentación o concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo, felicitou ao club AndaTui por recuperar esta tradición. Engadía que esta Subida complementa ás Andainas Saudables que organiza a Eurocidade Tui-Valença. Ao tempo que promove a práctica deportiva tamén pon en valor o Parque Natural do Monte Aloia, dicía. Segundo o edil esta iniciativa xorde co obxectivo de manter a súa continuidade no tempo

 

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, puxo de relevo a importancia de recuperar a tradición nun espazo tan marabilloso coma o Parque Natural do Monte Aloia. Expuña que hai no municipio moitos recunchos e zonas que non coñecemos, sendo esta unha boa oportunidade, para descubrir algúns deles, ao tempo que se practica deporte.  Daba tamén ás grazas á Xunta Rectora do Parque Natural do Monte Aloia polas facilidades dadas.

 

Esta subida sairá sábado ás nove da noite dende o Paseo da Corredoira, e  a chegada será no alto do Monte Aloia con cea e festa no adro da capela de San Xiao.  O percorrido é de 9 quilómetros, a meirande parte por camiños de terra, pasando pola rúa Maristas, Seixal, Muíños do Tripes, Frinxo e Capela do Monte Aloia.  No caso de moita calor a organización establecerá un punto de avituallamento en Frinxo.

 

Os participantes deben recoller a súa inscrición no Paseo da Corredoira o sábado a partir das oito e media da tarde.  A club Anda Tui só organiza a subida de tal xeito que os participantes terán que elixir coma baixan. Haberá aparcamentos para coche, e unha zona de acampada habilitada no Aloia.  O Club Anda Tui recomenda levar roupa de abrigo e para cambiarse, lanterna e reflectantes.

Toda esta información pode ampliarse en www.andatui.es