Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Este mércores preséntase o libro “Rutas polo pasado xudeu de Galicia” de María Gloria de Antonio

11/12/2023

Será ás 19.30 h na Sala Félix Rodríguez

Este mércores, 13 de decembro, o Concello de Tui organiza a presentación do libro “Rutas polo pasado xudeu de Galicia” realizado pola investigadora María Gloria de Antonio Rubio.

Este acto terá lugar, ás 19.30 h na Sala Félix Rodríguez González no Edificio “Francisco Sánchez”. No mesmo contarase coa presenza da autora, María Gloria de Antonio,  do representante da editorial Aira, Cesar Lorenzo, e da concellería de Turismo e Patrimonio do Concello de Tui, Ana Mª Núñez.  

Trátase dunha guía de viaxe cuxo obxectivo é divulgar a presenza xudía en territorio galego durante a Idade Media. O contido, bilingüe, está dividido en dous grandes bloques. O primeiro, recolle aspectos xerais da presenza xudía en Galicia: as súas xuderías, alxamas, profesións, relacións internas entre os membros da comunidade, o papel das mulleres e, finalmente, o edicto de expulsión de 1492. O segundo, percorre tres roteiros turísticos deténdose en poboacións que, en maior ou menor medida, contaron con presenza xudía no seu territorio. Os itinerarios están concibidos a partir dos tres grupos de poboación que as propias autoridades xudías realizaron no século XV para a cobranza dun tributo: A Coruña, Betanzos e Pontedeume (ás que se uniu Ferrol e Viveiro); Ourense, Monforte, Ribadavia e Allariz (con Monterrei); e Baiona e Tui, ás que se sumou Santiago e Pontevedra.

A autora, María Gloria de Antonio Rubio, é doutora en Historia pola UNED e investigadora do Instituto de Estudios Galegos “Padre Sarmiento” do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Especializada no tema dos xudeus en Galicia coa súa tese de doutoramento sobre “Las comunidades judías en Galicia, siglos XI-XV” e autora ademais de 5 libros sobre a presenza xudía en Galicia, de máis dunha vintena de colaboracións en libros colectivos e case un centenar de artigos en revistas científicas ou de divulgación.

A concelleira tudense de Turismo e Patrimonio, Ana Mª Núñez, sinala que este libro contribúe á divulgación do importante legado patrimonial vinculado á presenza de comunidades xudías e criptoxudías na nosa cidade ao longo dos séculos, ao tempo que enriquece a oferta turística e cultural de Tui. Cómpre lembrar que Tui forma parte, dende o ano 2019, da Red de Juderias de España – Caminos de Sefarad, que agrupa a 21 municipios españois que traballan conxuntamente pola promoción deste patrimonio histórico, artístico, medioambiental e cultural herdanza das comunidades xudías que as habitaron.