Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Este domingo celébrase o VIII Concurso de Pintura ao Aire Libre “Pinta Tui”

16/11/2023

Este evento conta coa colaboración do Concello de Tui

Este domingo, 19 de novembro, dende as 10 h, as rúas de Tui acollen a celebración do VIII Concurso de pintura ao aire libre “Pinta Tui”. A intención é promover e achegar o arte e a cultura aos visitantes e incentivar a dinamización turística e as actividades do Concello. Está organizado por Efectos, co patrocinio do Concello de Tui e distintas casas comerciais.

Neste certame pode participar calquera persoa interesada inscribíndose ata este sábado, día 18 ás 18.00 h, por correo electrónico en turismo@tui.gal, ou en efectostui@hotmail.com, así como presencialmente na Oficina de Turismo. Establécense tres categorías en función da idade: infantil para menores de 11 anos, xuvenil para persoas de entre 12 e 17 anos, e adulta para maiores de 18 anos.

O estilo e a técnica serán libres: óleo, acrílico, acuarela, carboncillo, tintas, ceras, etc. Sobre lenzo ou o soporte máis adecuado para cada técnica. Os e as artistas deberán acudir provistos de todo o material necesario para a execución da súa obra. Previo ao comezo a organización selará os soportes, cun tamaño mínimo de 40 cm e un máximo de 120 cm, na Oficina de Turismo.

As obras deberán ser pintadas o propio domingo, reflectindo calquera paisaxe ou motivo relacionado con Tui. Deberán ser entregadas antes das 18.00 h do propio domingo na Casa do Concello de Tui, onde se fará entrega dos premios tras a deliberación do xurado ás 19.00 horas.

Todas as obras premiadas e as dos artistas que o desexen exporanse proximamente na Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui, no edificio Francisco Sánchez.

Na categoría de maiores de 18 anos, establécense seis premios, que oscilan dende os 800€ formado por 600€ de material de pintura  e 200€ en metálico e unha comida ou cea para dúas persoas na taperia Tapas e Viños, do primeiro premio, e os 100€ en material de pintura e unha comida ou cea para dúas persoas no Restaurante La de José Luis, que corresponden ao sexto premio.

Na categoría de entre 12 e 17 anos establécense cinco premios, dende os 300€ en material de pintura e dous menús na Cafetería Santa Columba, para o gañador ou gañadora do primeiro premio, ata os 50€ en material de pintura e unha Tarta San Telmo nº 1 (4 racións) de Pasteleria El Santo do quinto premio.

Finalmente haberá tres premios para os menores de 11 anos de idade e todos os nenos participantes recibirán un agasallo de lambetadas ofrecido por Gominolas Nitos.

Documentos Adjuntos: