Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Concluíron as obras de rehabilitación do Palco da Música do Paseo da Corredoira

11/12/2018

Un concerto do trompetista Manuel Madardáns inaugurará este espazo que recuperou a súa cor branca orixinal do século XIX

Tras tres meses de traballo concluíron as obras de rehabilitación do Palco da Música que supuxeron unha actuación integral en todos os elementos, e que devolveu a este elemento patrimonial a súa cor branca orixinal do século XIX. Este domingo, 16 de decembro, coma inauguración haberá ás 19h, un concerto a cargo do trompetista Manuel Madarnás acompañado por outros instrumentistas.

O alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, salientou  que o Palco da Música recuperará a súa función inicial acollendo eventos culturais, coma o previsto este domingo. Precisou que nos baixos  se gardarán as cadeiras que se poderán empregar nestes actos. Tamén fixo un chamamento á poboación para colaborar no mantemento e conservación deste espazo. Amais dende o Concello se adoptarán unha serie de medidas coma establecer un perímetro de seguridade arredor do palco para o paso peonil, evitar danos sobre este ben patrimonial co paso dos anos. Unha distancia que deberán respectar as terrazas que se colocan na súa contorna. Do mesmo xeito non se permitirá a colocación de ningún cableado,  elemento ou iluminación sobre a estrutura.

Onte luns, 10 de decembro, dábanse os últimos retoques e retirábanse os andamios que cubriron o palco da música desde o 10 de setembro. Conclúen así as obras de conservación e rehabilitación desta obra arquitectónica construída en 1897. O proceso comezara meses antes coas probas de caracterización e análise de materiais para determinar os procesos de alteración e así establecer unha diagnose para levar a cabo o tratamento. Despois disto comezouse a intervención da forxa e fundición metálica, cuxo primeiro paso foi a limpeza, eliminación de pinturas e decapado. Procedemento que foi realizado mediante combinación de proxección de vapor seco a 100ºC e proxección de árido silíceo en húmido. Posteriormente, coa finalidade de inhibir cloruros e crear unha capa protectora que ille o metal da humidade relativa e gases atmosféricos, aplicouse sobre a mesma unha solución de BTA (Benzotriazol). O seguinte paso foi aplicar unha solución de ácido tánico para transformar e controlar os produtos de corrosión. Outro dos traballos foi a reprodución de motivos figurativos perdidos, que foi realizada mediante replicación de orixinais a través de molde e cunha resina epóxica bicomponente.

Por outra parte, foi preciso a desmontaxe dalgúns dos elementos para seren tratados polos especialistas nos obradoiros de ferrería e laboratorio de conservación como o lambrequín ou varanda do chapitel. Finalmente á estrutura metálica, foille aplicada unha imprimación sobre a que finalmente se aplicaría a pintura esmaltada branca, e gris para certos motivos decorativos e cuberta, tendo en conta as catas estratigráficas e documentación gráfica da época que mostraban que esta edificación estaba pintada de cor branca. Os seguintes procesos cos que se rematou a obra foron dirixidos a remediar as patoloxías que presentaba o basamento granítico. Este, presentaba principalmente desprazamentos de sillares que foron levados ao sitio tras o desmonte parcial de partes da folla interior do muro de cachotería. Posteriormente levouse a cabo a limpeza da epiderme pétrea procurando unha unidade cromática e de textura, e encintado.

Finalmente, nos últimos 15 días procedeuse á colocación dunha nova estrutura metálica que soportase a tarima de madeira que foi totalmente substituída e colocada sobre outra non vista e rastreis. Do mesmo xeito, tamén foi substituída a carpintería da cuberta e varandas, o sistema eléctrico e iluminación vella por leds. Foi colocada unha canle perimetral que recolla as augas pluviais na tarima e solado de formigón no chan do interior.

Para levar a cabo esta obra, financiada a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, foi preciso a redacción de dous proxectos. Un inicial centrado na fábrica de cantería e carpintería redactado polo arquitecto Rubén Martín Vázquez Pérez. E con posterioridade, a DXPCG, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural de Galicia, requiriu un segundo proxecto redactado por un técnico especialista para definir o estado de conservación dos elementos de fundición e forxa artística, análises e que establecese os procesos de actuación, redactado polo conservador-restaurador Gonzalo Buceta Bruneti. A empresa adxudicataria que levou a cabo a obra foi Construcciones Mascareñas e Hijos S.A.

Unha vez concluídas as obras de conservación e rehabilitación, o palco novamente acollerá a súa actividade como escenario para a interpretación musical. Por último destacar que, de cara o futuro establécense unhas recomendacións de conservación que pasan por un mantemento anual das carpinterías, control dos elementos metálicos e prohibición de adosar calquera elemento alleo como se viña facendo ata agora, tales como atado de cables, colocación de altofalantes, alumeado de nadal, encadeado de mobiliario de terrazas, etc.