Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Concienciar sobre os distintos tipos de violencia de xénero obxectivo da campaña “Non máis violencia por ser muller”

18/11/2023

Está promovida polo Concello de Tui con motivo do 25N  cun programa de actividades a desenvolver entre o xoves 23 e o xoves 30 de novembro

“Non máis violencia por ser muller” é o lema da campaña posta en marcha polo Concello de Tui, a través da concellería de Igualdade, con motivo 25N, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a muller.  Dende o xoves 23 até o xoves 30 desenvolveranse distintas actividades coma o acto institucional, a acción escénica “A última cea”, o espectáculo “Ser Feminista”, o contacontos “A Selva dos Boboras”, un encontro coa xornalista, escritora e activista feminina María Xosé Porteiro, e unha mesa redonda titulada “Sexualidade, pornografía e violencia de xénero na adolescencia”. Amais contarase en Tui cun Punto Violeta.

A concelleira de Igualdade, Ana Núñez, explica que “se busca impulsar a concienciación sobre os diferentes tipos de violencia machista que existen e que padece a muller solo polo feito de ser muller”. Engade que “esta é unha violencia que existe e que ten diferentes expresión que temos a responsabilidade como sociedade de denunciar”.

A imaxe da campaña foi realizada pola ilustradora Alba Casanova, representando no corpo dunha muller o inferno no que viven as vítimas de violencia machista, e visibilizando tamén os diferentes tipos de violencia de xénero dos que as mulleres son vítimas solo polo feito de ser muller, desde a sexual, vicaria, económica, psicolóxica, física ou social.

A concelleira Ana Núñez, destaca que esta campaña de sensibilización vai dirixida a toda a poboación, desde os máis novos porque “é a través da educación desde onde se poderá erradicar a violencia de xénero algún día, pero tamén dirixida aos homes e mulleres de máis idade xa que é este colectivo, o das mulleres maiores de 65 anos, o que máis está sufrindo o incremento da masacre da violencia de xénero no seu circulo máis cercano, segundo os datos da Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero”.

Os actos comezarán o xoves, 23 de novembro, ás 11 h no Teatro Municipal, co espectáculo “Ser Feminista?” a cargo de Uxía Morán e Antea Rodríguez dirixido ao alumnado de Primaria.  As protagonistas son dúas adolescentes que se atopan tras o verán, e unha delas cóntalle a outra que é feminista, o que xera un debate entre o machismo e feminismo, o que xera unha crise de amizade e existencial. As dúas amigan afrontan a situación con humor, música e revolución por un futuro que non sabe aínda coma será. É un espectáculo no que se mestura o teatro, a musica, o humor, o xogo e a retranca, no que non falta a interacción co público que terá que superar probas divertidas e preguntas para saber “quen quere ser feminista?”.

O venres, 24 de novembro, ás 12 h na praza Norte na Catedral, realizarase o acto institucional no que se dará lectura ao manifesto deste 25N  e se contará coa acción escénica “A última cea” de Uxía Morán.

O sábado, 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, están previstas tres actividades.

Ás 12 h na Biblioteca Municipal terá lugar a actividade  "Viaxe á selva das Bonobas" a cargo de Lara Fuentes. Comeza coa lectra do conto "A Historia dos Bonobos" e logo a rapazada terá como misión construír unha selva na que exista a igualdade, xa que na do conto non é así, para iso terán que superar varias probas e ir conseguindo os elementos necesarios para romper estereotipos de xénero, lograr a liberdade, diversidade e respecto.

Xa pola tarde,  de 17 a 20 h, no Paseo da Corredoira haberá un Punto Violeta atendido por unha psicóloga e unha educadora social, ambas axentes de igualdade con formación e experiencia na prevención e intervención en casos de violencias de xénero. Este Punto Violeta, busca implicar a homes e mulleres na loita contra a violencia machista, proporcionando a información necesaria para saber como actuar ante un caso de violencia contra as mulleres.

Ás 18 h, tamén no Paseo da Corredoira, a actriz Uxía Morán representará a acción escénica “A última cea”.  Na peza retrata a unha muller que pasa da  ilusión e do amor do día da súa voda, ao confinamento no fogar e á agresión. A música, os silencios, e os golpes sonoros, marcan os ritmos desta proposta que con dureza e contundencia denuncia a violencia de xénero.

A programación prevista nesta campaña continuará o martes 28 ás 19 h  na sala Félix Rodríguez cun encontro coa xornalista, escritora e activista feministas María Xosé Porteiro baixo o título de “A revolución feminista”. María Xosé Porteiro conta cunha longa traxectoria coma profesional do xornalismo e autora de varios libros de narrativa, biografía e ensaio. Creou a primeira concellería de Igualdade e a primeira Casa de Acollida de Galicia.  

As actividades pecharanse o xoves, 30 de novembro, ás 19 h no edificio Francisco Sánchez coa mesa redonda “Sexualidade, pornografía e violencia de xénero na adolescencia” dirixida a familias e profesionais da educación. Na mesma participarán profesionais do ámbito da pedagoxía, psicoloxía, avogacía e forzas e corpos de seguridade.

Dentro desta campaña “Non máis violencia por ser muller” a casa do concello iluminarase de morado dende o xoves 23 até o sábado 25. A imaxe e cartelería da campaña difundirase a través de medios de comunicación, redes sociais, mupis, comercio local, entidades, asociación, clubs deportivos, centros escolares, centro de saúde, e instalacións municipais. Deste xeito o concello de Tui busca chegar a toda a poboación co obxectivo de concienciar e erradicar a violencia contra a muller, pondo o aceno entorno ao 25N, pero un traballo que realiza con diversas iniciativas ao longo dos doce meses do ano.  

Programa 25N | “Non máis violencia por ser muller”

  • Xoves, 23 de novembro, ás 11 h no Teatro Municipal
    • Espectáculo “Ser Feminista?” con Uxía Morán e Antea Rodríguez para o alumnado de Primaria.
  • Venres, 24 de novembro ás 12 h na praza Norte da Catedral
    • Acto institucional. Lectura do manifesto e acción escénica “A última cea” de Uxía Morán.
  • Sábado, 25 de novembro
    • Ás 12 h na Biblioteca “Viaxe á Selva das Bonobas” con Lara Fuentes
    • De 17 a 20 h Punto Violeta no Paseo da Corredoira
    • Ás 18 h no Paseo da Corredoira acción escénica “A última cea” de Uxía Morán.
  • Martes, 28 de novembro, ás 19 h  na sala Félix Rodríguez
    • Encontro coa xornalista, escritora e activista feministas María Xosé Porteiro
  • Xoves, 30 de novembro, ás 19 h no edificio Francisco Sánchez
    • Mesa redonda “Sexualidade, pornografía e violencia de xénero na adolescencia” dirixida a familias e profesionais da educación, a cargo de profesionais do ámbito da pedagoxía, psicoloxía, avogacía e forzas e corpos de seguridade.