Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Chuny Vázquez presenta unha retrospectiva da súa obra pictórica en Tui

11/07/2023

Até o 28 deste mes expón 73 cadros na Sala Municipal no edificio Francisco Sánchez

A Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui, no edificio Francisco Sánchez, acolle até o venres 28 deste mes a exposición “Un canto á cor e á vida” da guardesa Chuny Vázquez.

A mostra está conformada por 73 cadros de distintas etapas pictóricas da artista e agrupados por temática: personaxes, barcos, flores… A colección que presenta está dominada pola cor, pero tamén recolle algunha das súas obras realizadas en rotulador negro.

A exposición que agora se amosa en Tui presentouse o ano pasado na Casa dos Alonso da Guarda, e supuxo o regreso á actividade expositiva de Chuny Vázquez tras catorce anos de ausencia.

A mostra foi inaugurada o pasado venres contando coa presenza do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, de membros da corporación municipal, da propia artista, do xornalista Ricardo Rodríguez, e da cantautora guardesa Mª José Baz, xunto a numeroso público.