Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Case mil persoas participan este domingo na X Eurocidade BTT

10/03/2023

Sairá ás 9 h dende Valença para realizar un percorrido polas dúas cidades con dúas distancias 40 e 73 quilómetros con subidas ao monte Aloia e ao Monte Faro.

Este domingo celebrarase a décima edición da BTT Eurocidade Tui-Valença organizada pola Peña Ciclista Biciosos Rías Baixas e coa colaboración do concello de Tui e a Cámara de Valença.

Trátase dunha das probas máis multitudinarias do calendario deportivo que elaboran conxuntamente ambas cidades. Preto de mil ciclistas tomarán a saída na piscina municipal de Valença ás 9 da mañá, hora española, para de seguido cruzar a vella Ponte Internacional de Tui, percorrer o conxunto histórico de Tui, subir ao Monte Aloia e volver cruzar  pola vella Ponte Internacional de Tui. Aqueles que antes das 12.30 h cheguen a este punto poderán continuar coa proba longa que os levará até o Monte Faro completando así unha distancia de 73 quilómetros.  Tanto para estes coma para os que opten pola distinta curta, 40 quilómetros, a liña de meta estará na Fortaleza de Valença.

A proba ten coma obxectivo ensinar moitos lugares descoñecidos e as principais sinais de identidade das dúas cidades a ambos lados do río Miño.

Haberá agasallos para todos os ciclistas, avituallamentos, porco o espeto, animación en carreira e tamén dúas exhibicións de biketrail a cargo de Marcos Avendaño. A primeira terá lugar mañá sábado ás 17.30 h no Paseo da Corredoira, coincidindo co momento de recollida dos dorsais dos corredores. A segunda será na liña de meta da proba o domingo entre ás 12.30 h e as 14 h.  De forma paralela haberá unha andaina  organizada polo Club Deportivo Andatui Rego da Pedra.