Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Case 230 peregrinos e peregrinas pasaron na fin de semana pola Oficina Municipal de Turismo

4/04/2023

Procedían de 13 países e 22 provincias españolas. Son un 12,5% máis que en 2022

Un total de 229 peregrinos e peregrinas pasaron durante a fin de semana, entre o venres 31 de marzo e o domingo  2 de abril, pola Oficina Municipal de Turismo do Concello de Tui. Esta cifra supón un incremento do 12,5% con respecto aos números do pasado ano. Nestes días de inicio do período da Semana Santa achegáronse na procura de información a esta Oficina de Turismo tudense un total de 58 peregrinos e peregrinas internacionais procedentes de ata trece países de catro continentes. Pola súa banda, as 171 persoas españolas que estaban a realizar o Camiño e pasaron por este punto de información chegaron de 22 provincias distintas.

Estes datos reflicten unicamente unha tendencia de crecemento na presenza de peregrinos polos Camiños Portugueses que conflúen en Valença e Tui, pois unicamente unha porcentaxe menor achégase ata esta Oficina Municipal de Turismo. O Camiño Portugués destaca logo polo seu carácter multicultural como lugar de encontro de peregrinos de múltiples nacionalidades que comparten esta ruta, chea de historia, de patrimonio e de valores culturais e espirituais que caracterizan ao Camiño de Santiago.

Do desglose dos datos estatísticos podemos ver como os 58 peregrinos internacionais proceden dos seguintes países:

No tocante aos peregrinos internacionais 14 proviñan de Portugal, 13 de Alemaña, 5 de México, 5 de Italia, 4 do Reino Unido, 4 de Brasil, e en menor número de Irlanda, República Checa, Dinamarca, Noruega, Puerto Rico, e Corea.

Mentres das 171 persoas de orixe nacional que realizaban o Camiño de Santiago 64 procedían de Madrid, 30 de Xaén, 12 de Toledo, 8 de Málaga, e en menor número chegaron tamén dende Cidade Real, Guadalaxara, As Palmas, Ourense, Pontevedra, Sevilla, Albacete, Barcelona, Cádiz, Lugo, Salamanca, Sevilla, Tenerife, Murcia, Córdoba e Toledo.

Para o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, estes datos expresan como o Camiño Portugués é unha das principais fortalezas da oferta patrimonial, cultural e turística de Tui, e reclama de todos os sectores implicados unha aposta por incrementar a calidade dos nosos servicios. Neste sentido o Concello ten logrado a certificación de calidade Sicted para a Oficina Municipal de Turismo, expresando o seu compromiso neste ámbito, que comparte con outros dez establecementos e servicios da nosa cidade que contan con esta distinción de calidade.