Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A cabaza é a protagonista da fin de semana en Tui

28/10/2023

Exposición e venda, obradoiros, demostracións culinarias conforman o programa da III Feira da Cabaza. Tamén se suma á iniciativa o comercio a hostalería local.

A cabaza é a gran protagonista desta fin de semana en Tui. O edificio situado na praza da Inmaculada acolle dende esta tarde e até mañá domingo a última hora  a III Feira da Cabaza, coa que se pon en valor este produto do outono.  Pódese visitar a exposición das distintas variedades de cabaza producidas en Tui, que se atopan tamén á venda, e que se poden empregar tanto para elaborar distintas receitas coma para decorar polo Samaín.  Tanto hoxe pola tarde coma mañá ao longo do día celébranse distintos obradoiros e demostracións culinarias.

O comercio e a hostalería local tamén se suman a este iniciativa decorando os seus locais con cabazas, e no caso dos restaurantes elaborando pratos con este produto coma ingrediente destacado.

Cativos e cativas están xa dende as cinco da tarde decorando as súa cabazas no obradoiro que realiza  Corazón de Carballo. Con diversos materiais optan por facer a creación máis terrorífica ou a máis simpática. Poden levar a súa cabaza da casa ou mercala na feira para logo decorala. A entrada é libre até completar o aforo. Ao remate as persoas participantes, que poderán ir disfrazadas, farán un percorrido polo comercio local facendo “truco ou trato”.  

Ás oito da  tarde a cociñeira Gloria Domecq, xerente de Gloria Domecq Catering, que fará unha demostración culinaria, elaborando Risotto de cabaza con améndoa e salvia frita e Flan de cabaza especiado, maridada con viños da zona e música.

Este primeiro día pecharase  ás 23 h, con conxuro, queimada e música.

A actividade continuará mañá domingo a partir das 11 h con Amparo Grandío de Conservas Petiscos que realizará un obradoiro de marmeladas. Ás 12 h haberá unha nova demostración culinaria na que o cociñeiro Judicael Romero de Vioncas Bakes, elaborará unha empanadilla con cabaza, e dende Calabizo prepararán distintas receitas con este produto realizado con cabaza.  E coma sobremesa poderase degustar o xeado de cabaza por cortesía de Gu Gu Gelato Originale.

Ás cinco da tarde o obradoiro será para público infantil, recomendado a partir dos 6 anos, con Águeda Ubeira de Chupipostres, para elaborar unha Mugcake de cabaza con chocolate, e trufas e bombóns variados tamén con cabaza.  Ás 19 h haberá unha nova demostración culinaria con menú degustación a cargo de Águeda Ubeira de Vanetta Food , maridada con viños da zona e música.  

Para participar nos obradoiros de marmeladas e de Chupipostres e nas demostracións culinarias as prazas son limitadas e é preciso inscribirse previamente na Oficina de Turismo no Paseo da Corredoira, no teléfono 677 41 84 05, ou no correo turismo@tui.gal indicando o nome, apelidos e teléfono de contacto.