Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Baobab Teatro presenta este venres no Teatro Municipal “Ás para Álex”

15/11/2023

O espectáculo foi premiado na XXV Feira de Teatro de Castela e León

“Ás para Álex” é o título da obra teatral que Baobab Teatro presenta este venres, 17 de novembro, ás 19.30 h, no Teatro Municipal de Tui.  Vai dirixida a público familiar, recomendada a partir dos 5 anos, e conta cunha duración de 50 minutos.  Esta montaxe recibiu o premio “Provincia a escena” na XXV Feira de Teatro de Castela e León en Cidade Rodrigo co que os programadores e as programadoras culturais recoñecen ao "Mellor Espectáculo Infantil e Familiar".

Con guión de Andrea Bayer que dirixe a obra xunto a Óscar Ferreira “Ás para Álex” achéganos a historia dun neno,  a quen coma a calquera neno de 8 anos lle encanta  correr, xogar, quedar cos amigos/as, ir ao parque .... A súa paixón é o fútbol. Pero un día ten que deixalo todo porque algo lle pasa ao seu corpo. Alex enfádase co mundo, até que chega Laura, quen lle ensina cambiar a mirada.

Cora Velasco e Xosé Esperante son os actores e manipuladores dos monicreques encargados da posta en escena. 

As entradas están á venda en tui.gal até o venres, ás 19.15 h, aos prezos de 4€ e 3€.

A programación de outono pecharase o próximo venres, 24 de novembro, con Redrum Teatro e a representación de “Hamelin”.

Entradas