Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Aurora Marco presenta este mércores en Tui o seu libro “Carmiña Sierra. A primeira muller do Seminario de Estudos Galegos”

20/11/2023

 Será ás 19 h na Sala Félix Rodríguez dentro do ciclo “Sobredo, 101 anos despois”

Este mércores, 22 de novembro, ás 19 h na Sala Félix Rodríguez a escritora e investigadora Aurora Marco que presentará o seu último libro titulado “Carmiña Sierra. A primeira muller no Seminario de Estudios Galegos”. Con esta actividade continua o ciclo de “Sobredo, 101 anos despois” organizado polo Instituto de Estudios Agrarios “Mártires de Sobredo” en colaboración co Concello de Tui

Aurora Marco, neste libro, achega a vida dunha mestra que na súa mocidade formou parte, como socia, do Seminario de Estudos Galegos; entidade da que se ven celebrando o seu centenario. Carmen Sierra, nada en Pontecesures, 1906 (falece en Caracas, 1996); iniciou estudos de Filosofía e Letras en Compostela que conclúe Universidade de Madrid. Foi catedrática de Literatura Española e exerceu como docente antes da Guerra Civil en varios centros de ensino medio fóra de Galiza. Militante do PCE, foi detida o 5 de xaneiro de 1946 e estivo presa no Cárcere de Ventas. Dous anos máis tarde foi xulgada nun Consello de Guerra e condenada a catro anos de prisión. Viviu en Madrid, onde traballou nunha libraría, ata que en 1952 decidiu exiliarse en Venezuela, onde residiu ata a súa morte.

A autora, Aurora Marco, exerceu a docencia na Universidade de Santiago, sendo catedrática de Didáctica da Lingua e a Literatura Galega até a súa xubilación en 2014. Foi presidenta da Sociedad Española de Didáctica de la Lengua y Literatura e colabora habitualmente con múltiples revistas literarias como Alameda, Murguía, Lenguaje y Textos, Andaina, Primeras Noticias, Revista Interuniversitaria de Formación del Profesorado, Cuadernos de Pedagogía. En 2011, recibiu da Academia Galega do Audiovisual o Premio Mestre Mateo ao mellor documental, por “As silenciadas”, que foi dirixido por Pablo Ces e coproducido por ela, cun guión baseado no seu libro Mulleres na guerrilla antifranquista. En 2023, foi recoñecida como Señora das Letras pola plataforma de crítica literaria  feminista A Sega para celebrar o Día das Galegas nas Letras. Especialista en  estudos  de xénero e memoria histórica; ten no seu haber numerosas publicacións; baixo o xénero literario do ensaio achega aspectos da participación das mulleres, activas e implicadas en aspectos sociais, culturais e políticos (agrarias, nas irmandades da fala, no seminario de estudos galegos, guerrilleiras), nun percorrido polo século XX, especialmente nas súas tres primeiras década.

A programación de actos  deste ciclo “Sobredo, 101 anos despois” terminará coa conmemoración anual dos Sucesos de Sobredo este domingo, 26 de novembro, ao pé do Monumento aos Mártires, en Sobredo, na parroquia de Guillarei.

Para a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, a colaboración coas conmemoracións do aniversario dos sucesos de Sobredo resulta unha obriga para o Concello de Tui comprometido na lembranza daqueles tráxicos acontecementos que marcaron o devir da historia contemporánea de Galicia. Lembra coma dende o ano pasado, cando se celebrou o centenario daqueles feitos, Tui conta cunha rúa    “Mártires de Sobredo”.