Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Aloiada 2023 volverá a unir o Galiñeiro, o Monte Aloia e o Río Miño

13/06/2023

A Aloiada 2023 volverá a unir o Galiñeiro, o Monte Aloia e o Río Miño

Máis de 120 alumnos e alumnas dos centros educativos de Tui van participar este xoves 15 e venres 16 de xuño na Aloiada 2023.

En concreto participará nesta actividade o alumnado de 6º de Primaria do CEIP Nº1, CEIP Nº2, CEIP de Pazos de Reis, CEIP de Guillarei, CEIP de Rebordáns e CEIP de Caldelas. A Aloiada 2023 está organizada polos propios colexios en colaboración co Concello de Tui. Nestas dúas xornadas os e as participantes realizarán diferentes actividades no entorno natural dos montes Galiñeiro e Aloia, así como no río Miño.

Así o xoves 15, no Monte Galiñeiro, desenvolverán ao longo da xornada obradoiros de escalada, de primeiros auxilios, de orientación e de nós, impartidos pola Federación Galega de Montañismo e polo Grupo Scouts Alhoia, así como polos propios mestres e mestras dos colexios.

Ao remate deses obradoiros, realizarán unha camiñada ata o Monte Aloia, onde pernoctarán nas inmediacións da capela de San Xulián.

O venres 16, tralo almorzo, baixarán dende o cumio do Aloia en dirección ao parque do Penedo, pasando pola Casa Forestal, Rego da Pedra e Muíños do Tripes. Tralo xantar, nas instalacións municipais de piragüismo e remo, realizarán a actividade de piragüismo.

O Concello de Tui agradece a todas as empresas, asociacións e entidades que colaboran para que esta actividade siga realizándose ano tras ano. Así fan posible esta Aloiada 2023 Arume, Calidus, Arelas, Froiz, Panadería Xulio, Gadis, Martínez, Vectalia, Verde Azul, Scouts Alhoia, Federación Galega de Montañismo, Bispado de Tui-Vigo, Entidade Local Menor de Pazos de Reis e Parques Naturais.