Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Actividades para todas a idades en ‘Outubro mes da Biblioteca’

27/09/2023

A programación comeza o próximo martes con contacontos e unha exposición

Ao longo do mes de outubro celebrarase en Tui un amplo programa baixo o título de “Outubro mes da biblioteca”. Está organizado pola Biblioteca Municipal tudense co obxectivo de achegar á lectura á sociedade tudense con actividades tanto para público infantil coma adultos, e exposicións.

A primeira proposta chegará o próximo martes, 3 de outubro, ás 17.30 h con La Compañía Espectacular o contacontos con música en vivo “Os nunkis e obradoiro creativo” dirixido a nenos e nenas de 6 a 12 anos.  Nesta mesma xornada ás 19.30 h inaugurarase na Sala Municipal a exposición fotográfica “Cuentos, relatos y narraciones” de Manuel Martínez Tobaruela.

O martes 10, ás 17.30 h, realizarase un obradoiro de robótica educativa no que nenos e nenas de 6 a 12 anos poderán deseñar e programación diferentes robots con material e Lego Educación.

O sábado 14, ás 12.30 h na Sala Félix Rodríguez presentarase o libro “Ribadelouro: terra e auga é vida” de Manuel Vázquez de la Cruz, nun acto no que amais do autor participarán María Teresa Vázquez de la Cruz e Marga do Val.

Unha mesa redonda analizará o luns 16 ás 20 h a vida e obra de escritora tudense María Tydeska coincidindo coa conmemoración do Día das Escritoras.

A nenos e nenas de 3 a 6 anos vai dirixido o espectáculo “CantaContos Kairos” que Tania Justo presentará o martes 17 ás 17.30 h.  E por último pechando este programa o martes 24, Día da Biblioteca, ás 17.30  h Charo Pita presenta “Porco, porquiño, ensíname o Camiño” no que bebés de 0 a 3 gozarán con contos, brincadeiras, rimas e cancións.

Este ano o lema do Día da Biblioteca, que se celebra o 24 de outubro, é "Tecendo Comunidades". Co mesmo preténdese destacar o papel fundamental que desempeñan as bibliotecas na construción de lazos fortes dentro das nosas comunidades. O cartel conmemorativo a nivel nacional foi realizado pola ilustradora Nuria Riaza. Como sinala a convocatoria deste “Día das Bibliotecas”, unha biblioteca non é só un edificio cheo de libros: son corazóns palpitantes dentro das nosas comunidades, son espazos de encontro e diálogo. O Día das Bibliotecas pon en valor o traballo que realizan todas as bibliotecas, de todas as tipoloxías (públicas, escolares, universitarias, especializadas e nacionais/rexionais), para conectar aos seus usuarios, crear redes de apoio e colaboración, fomentar a participación e o diálogo cidadán, facer accesible a cultura e o coñecemento a toda a poboación, independentemente da súa idade, xénero, raza ou lugar de residencia.

A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla, destaca que esta programación pretende achegar ao centro bibliotecario tudense á sociedade proporcionando a través das actividades programadas ferramentas para o crecemento, tanto individual como social, mediante a transmisión dos valores que agocha a lectura. Este mesmo impulso está presente no funcionamento do Club de Lectura da propia Biblioteca que reúne a 20 persoas interesadas no intercambio de ideas, de experiencias suscitadas pola lectura dunha obra. Cada lectura, cada conversación, achega o seu fío único a este “Tecendo comunidades” que celebramos neste ano 2023.

Programa ‘Outubro mes da Biblioteca’

Martes 3 ás 17.30  h

  • “Os nunkis e obradoiro creativo” por La Compañía Espectacular
  • Contacontos para nenos e nenas de 6 a 12 anos acompañado de música en vivo. O protagonista é un neno, amigo dos Nunkis. Un neno que cre na maxia e no seu poder persoal.

Martes 3 ás 19.30 h

  • Inauguración da exposición “Cuentos, relatos y narraciones” fotografías de Manuel Martínez Tobaruela (ata 28 de outubro)
  • Sala Municipal de Exposicións – Edificio “Francisco Sánchez”

Martes 10 ás 17.30 h

  • “Obradoiro de robótica educativa. Creatividade inspiradora” por A Nube de Artear
  • Obradoiro de robótica educativa no que os participantes desenvolverán a súa creatividade deseñando, programando e dando vida a diferentes robots co material de lego educación. Actividade que busca fomentar a aprendizaxe mediante o xogo mentres constrúen os seus modelos con pezas, motores e sensores.
  • Indicado para idade de 6 a 12 anos – compre inscrición en biblioteca@tui.gal

Sábado 12 ás 12.30 h

  • Presentación do libro de Manuel Vázquez de la Cruz: “Ribadelouro: terra e auga é vida”
  • Sala Félix Rodríguez González (Edificio “Francisco Sánchez”).
  • Coa participación de María Teresa Vázquez de la Cruz, Marga do Val e o propio autor.

Luns 16 ás 20.00 h.

  • Día Das Escritoras: María Tydeska
  • Edificio “Francisco Sánchez”
  • A celebración desta xornada estará centrada na escritora tudense “María Tydeska” (María Gloria Pereira) cunha interesante obra poética tanto en galego como en español. Unha mesa redonda analizará a vida e obra desta descoñecida escritora tudense.

Martes 17 ás 17.30 h

  • “CantaContos Kairos” con Tania Justo
  • Contos Cantados de Tania, que inmiscuirá ós máis pequenos nas diferentes historias e melodías, buscando a participación de nenos e nenas entre 3 a 6 anos.

Martes 24 ás 17.30 h “Día da biblioteca”

  • “Porco porquiño, ensíname o camiño” por Charo Pita
  • Contos, brincadeiras, rimas e cancións porcas, porquísimas para pasalo en grande cos máis peques da familia. Indicado para bebés de 0 a 3 anos