Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A acción artística “Deshabitada” e a lectura do manifesto por Carmen Verde centran mañá a conmemoración do Día Internacional da Muller en Tui

7/03/2024

Será ás 18.30 h no edificio da praza da Inmaculada comezando coa actuación da arpista Marta Quintana

Mañá venres, 8 de marzo, o Concello de Tui celebrará o acto conmemorativo do Día Internacional da Muller ás 18.30 h no edificio da praza da Inmaculada.

O programa previsto comezará coa actuación da recoñecida arpista directora do CRA Mestra Clara Torres, Marta Quintana, para dar paso á acción artística “Deshabitada” a cargo da actriz Nerea Brey e a videocreadora Miriam Rodríguez.  Trátase dunha proposta teatral sobre os coidados, e sobre como o feito de que estes acaben recaendo exclusivamente na muller supón unha forma máis de machismo, da que non sempre somos conscientes.

A lectura do manifesto correrá a cargo da tudense Carmen Verde, profesora da Universidade de Vigo na área de Traballo Social e Servicios Sociais, investigadora e autora de varias publicacións con perspectiva de xénero, que destaca polo seu compromiso coa loita pola igualdade dende a súa área da UVigo.

Xa ás 19.30 h, no salón de actos do Conservatorio Profesional alumnado do centro ofrecerá un concerto-homenaxe a mulleres compositoras ao longo da historia. E por último  ás 21 h no Teatro Municipal proxectarase “O Corno” de Jaione Camborda. As entradas para a película están á venda en tui.gal.

Dende hoxe xoves a casa do concello ilumínase de morado e loce unha pancarta coa imaxe deseñada por Alba Casanova e o lema da campaña “Contra o negacionismo máis feminismo”.