Parroquias de Tui
No término municipal tudense atópanse un total de once parroquias que agachan no seu territorio numerosos lugares de interese que paga a pena visitar.
Areas
Esta parroquia asentada na ribeira do Miño, fronte á ciudade portuguesa de Valença, aparece citada xa no ano 1112 cando a raiña dona Urraca dona este lugar á Igrexa tudense, ainda que anteriormente no 1095 cítase na documentación o lugar ou barrio de Anta, cuxo toponimo pode facer referencia á existencia de mámoas ou túmulos megalíticos.
O seu templo parroquial, ainda que reedificado no século XIX, ten unha maior antigüidade. Salienta tamén o pazo de Bouzabalada, que conta cunha ermida adicada á Nosa Señora das Maravillas, e foi reconstruido segundo conta na súa entrada nunha inscripción no ano 1790.
Nesta parroquia, á beira da estrada á Hospital - Taborda, atópase o chamado “Viveiro Forestal” fundado no ano 1906 polo enxeñeiro de montes tudense Rafael Areses . Conta cun amplo patrimonio botánico con numerosas especies arboreas.
Na actualidade, na parroquia de Areas na zona de San Martiño e Gaios, asentanse unha área comercial e o Parque empresarial, respectivamente.
Baldráns
Esta parroquia que ás veces figura escrita como Valdráns emplázase nas ribeiras do rio Miño; no seu teritorio atopamos un moi interesante vestigio da presenza humana como son os gravados rupestres de As Carneiras, situados á beira do Miño, onde podemos contemplar diversos motivos: serpentiformes, círculos e coviñas.
Como elementos máis sobranceiros do seu patrimonio están a igrexa parroquial, remodelada nos séculos XVII e XVIII en pleno barroco, xunto ao pazo da Malladoura, que ten sufrido bastantes alteracións pero que non o privan do seu aspecto señorial. En Baldráns podemos atopar un rico patrimonio etnográfico integrado por cruceiros, muiños, pesqueiras, lavadoiros ou sifóns, ainda observables nos arcéns da estrada principal desta parroquia.
Na Guerra da Independencia os exércitos franceses ocuparon esta parroquia e queimaron dous altares da súa igrexa parroquial, o investigador Xulio Martínez Sigüenza recolle unha tradición oral que relaciona un topónimo “As Campas” co lugar onde estivo instalado un campamento das forzas napoleónicas.
Caldelas
A parroquia máis oriental do municipio tudense ten unha abondosa historia. Nas augas do río Miño nesta zona atopouse no ano 1976 un fermoso casco de bronce atribuido á cultura castreña, cunha cronología en torno ao século IV antes de Cristo (peza que podemos contemplar no Museo Diocesano da nosa cidade) no mesmo enclave foron extraidos do rio, en 1983, varios machados de bronce datables no século VIII ou IX a. C.
A primeira referencia documental de Caldelas é de 1301 cando Fernando de Castro doalle a obispo tudense, Juan Fernández de Soutomaior, o seu couto de Caldelas.
Na actual igrexa parroquial de San Martiño, construida no ano 1965, consérvase a torre de espadana datada en 1766 e que formaba parte da antiga igrexa de época barroca que reemplazara á primitiva igrexa, de seguro que románica, ubicada daquela preto da desembocadura do Caselas. Para algún historiadores o topónimo “Torre vella” fai referencia a unha antiga fortaleza defensiva enfrontrada coa torre portuguesa de Lapela.
Pero en Caldelas salienta a presenza das súas augas termais citadas xa no século XVII e que está na orixe do seu topónimo, dende aqueles tempos houbo baños termais e algún tipo de cabanas, logo barracas de madeira, para tomar as augas. O edificio do hotel-balneario será custeado en 1889 por Antonio Oliver Rubio, xeneral da época de Alfonso XIII e propietario dos baños. O esplendor deste balneario chega ata os anos da Guerra Civil e motivaba a existencia de numerosas fondas e hoteis para acoller aos auguistas. Agora de novo recupera boa parte da sua actividade e esplendor.
En Caldelas salienta a celebración da romaría da Virxe da Rocha, o último luns do mes de agosto, que engaiola pola sua celebración á beira do rio Miño onde as familias cean ao aire libre.
Guillarei
É a parroquia máis poboada de Tui, no seu territorio está un dos polígonos industriais tudenses. Xa na delimitación do couto tudense, no ano 1095, figuran diversos topónimos desta parroquia: Albelos e Sobredo, ainda que a primeira cita documental de Guillarei é do ano 1351 nun documento do mosteiro de Barrante,s no que o bispo tudense don Gómez reconócelle certos dereitos neste lugar. No barrio da Torre houbo unha fortificación cuxos restos chegaron ao século XIX. No Alto das Penizas houbo diversos combates e escaramuzas coas tropas francesas no decurso da Guerra da Independencia.
Un dos feitos máis coñecidos de Guillarei son os “Mártires de Sobredo”, no que tres agraristas faleceron no decurso dunha concentración contra un embargo a un labrego o 28 de novembro de 1922. A repercusión deste suceso foi enorme de tal xeito que no 1932 foi erexido un monumento conmemorativo obra do escultor vigués Camilo Nogueira, que foi derrubado no inicio da Guerra Civil e reconstruido de novo no 1988, realizándose todos os anos un acto conmemorativo daquel suceso.
Malvas
No seu territorio existe o castro de “Outeiro do Xudeu” que testemuña a ocupación dende época castreña. O seu antigo nome era “Maloes de Jusaos” e así aparece na documentación dende o século XII en que Fernando II entrégalle este lugar aos monxes do Mosteiro de Oia que estableceron unha granxa para a explotación deste fértil territorio. O rei Sancho IV, en 1287 concédelle franquicias e habitantes para poboar este lugar. Por Malvas discurría o antergo camiño de Tui a Baiona, que enlazaba nesta parroquia co camiño xacobeo que viña dende Hospital – Taborda.
A igrexa parroquial data do século XVIII e conta cun blasón do Troncoso de Lira, pois era un beneficiado vinculado á casa da Picoña.
Paramos
Esta parroquia é tamén ribeireña do rio Miño e a súa primera referencia histórica é do ano 1156, logo en 1180 o rei Fernando II concedeulle este lugar ao bispo de Tui a metade da igrexa e couto de Paramos. Testemuña da presenza do dominio señorial nesta zona está a lembranza da fortificación dos Puntillón.
Nesta parroquia houbo, no alto das Penizas -do que xa falamos en Guillarei- diversos enfrentamentos no decurso da Guerra da Independencia polos que os franceses tomaron represalias contra os veciños con actividades guerrilleiras.
Amáis da existencia de diversos cruceiros na parroquia salienta o interesante mausoleo da familia dos Alejos, hoxe no cemiterio parroquial logo do seu traslado dende o antigo camposanto da cidade de Tui.
A súa romería máis tradicional é a do San Nomedio, na capeliña do seu mesmo nome, no alto de San Mamede.
A actual igrexa é de época neoclásica, século XIX, reformando unha anterior do século XVIII. A súa festa principal é a da Virxe das Dores, á que se lle rende culto na Capela da Gándara, e que se celebra o terceiro domingo de setembro.
Pazos de Reis
Esta ampla parroquia tudense posúe unha dilatada historia que atopa no xacemento do castro de Cabeza de Francos, tamén chamado Alto dos Cubos, o seu primeiro expoñente. Este poblado foi escavado por vez primeira nos anos 1933 por Manuel Fernández-Valdés Costas, con posteriores intervenciones no ano 1954 e finalmente en 1997. Outros asentamentos castreños en Pazos de Reis, son O Castelo, en Frinxo, e o de Pedras Brancas.
No cima do monte Aloia salienta a formidable muralla ciclópea cun perímetro superior aos tres quilómetros. Existe un debate historiográfico sobre a orixe desta muralla, para uns seria o mítico Monte Medulio, para outros unha anterga cidade ou mesmo un primitivo asentamento de Tui.
Na zona de Monterreal estivo o pazo do rei visigodo Witiza que tivo aquí a súa corte no século VIII, en que Tui era unha importante cidade como testemuñan as acuñacións de moedas.
Dende os anos vinte do pasado século esta parroquia está constituida como Entidade Local Menor, sendo unha das poucas que ainda seguen existindo en Galicia.
Boa parte desta parroquia está vencellada eclesiásticamente á parroquia de Tui. No seu territorio están a Capela do Anxo, do século XVII, e onde figuran as armas do bispo Diego de Torquemada e a Capela das Dores, en Frinxo, edificada polo bispo tudense Telmo Maceira na métade do século XIX.
Nos límites desta parroquia está o monte Aloia, espazo protexido dende os anos trinta do século XX, e Parque Natural dende 1978, e que salienta pola súa beleza e as amplas panorámicas sobre o val do Miño. Na cima do Aloia se celebran dúas romerias anuais: o 27 de Xaneiro a festa de San Xian e no primeiro domingo de xullo a romeria da Nosa Señoras das Angurias. Neste enclave existen numerosas lendas e monumentos naturais, como a chamada “Cama de san Xian”. Sobre este Monte Aloia pódese consultar o apartado específico adicado a este parque natural.
Pexegueiro
Nesta parroquia houbo dende os primeiros tempos da Idade Media un mosteiro benedictino, do que se atopan diversas referencias documentais dende o século X.
A igrexa parroquial é un bo exemplo da arte románica, de finais do século XII, destacan os seus capiteis historiados e con decoración vexetal, o tímpano, así como unha colección de canzorros e as mochetas, con cabezas de touro, no muro sur. No seu interior a igrexa conserva ata cinco retábulos barrocos, rcentemente restaurados. A capela maior foi reedificada en 1765 polo bispo Juan Manuel Rodríguez Castañón, que deixou o seu brasón no exterior da ábside. En 1249 foi nesta igrexa no decurso dun dos seus sermón cando San Telmo anunciou a inminencia da súa morte.
Como elementos de interese, temos en Pexegueiro, a antiga casa rectoral do século XVI, hoxe arruinada, e a ponte medieval de dous arcos sobre o rio Furnia.
Randufe
Nesta parroquia atopamos diversos elementos de interese arqueolóxico. Por unha banda, na zona do Alto do Coello, nas súas ladeiras Sur e Oeste, existen diversos gravados rupestres ou petroglifos con representacións de círculos, coviñas, espirais, cruciformes… a principal das rochas con petroglifos é a denominada “Rozacús”. No alto deste monte consérvase un conxunto de muiños naviculares relizados na rocha.
Conservase tamén o Castro de Cotarel, no barrio da Guía onde hoxe está construido o cemiterio parroquial, que foi xa escavado nos anos trinta do século pasado por José María Álvarez Blázquez.
A actual igrexa parroquial foi nas súas orixes unha capela privada pertencente ao morgado dos señores de Arcos, que tiñan neste lugar o pazo da Pousa de Montenegro, do que se conserva soio o seu portalón de acceso co seu escudo coas armas da linaxe dos Pereira de Castro. Paulo de Pereira de Castro e a súa dona María de Montenegro edificaron a capela no ano 1603, logo en 1789 Antonio Miguel de Montenegro e Soutomaior fai edificar unha nova capela, construida polo canteiro tudense Domingo Novás. En 1904, tras a renuncia dos propietarios, esta capela convérsese en igrexa parroquial de Santa María da Guía.
No territorio de Randufe compre lembrar outras dúas edificacións: a Pousa do Bispo ou das Sobreiras (edificada nos sécalos XVI e XVII como residencia estival do bispo tudense cunha grande finca, hoxe urbanizada) e o Pazo de San Xosé ou de Vista Alegre (do século XVIII, e que foi adquirido posteriormente por José Lago Maceira, pai do arcebispo Lago González, que viviu neste pazo na sua infancia).
Rebordáns
Esta parroquia que, segundo Avila y Lacuela, debe o seu nome a atoparse nos “bordes” da cidade tudense, foi coñecedida nos inicios da Idade Media coa denominación de “Espenicelo”. Esta parroquia ten dous núcleos principais, o que coñecemos como Rebordáns e o barrio de San Bartolomeu, inmediato á cidade, e onde se atopa a igrexa parroquial.
Neste barrio teñen aparecido ao longo dos anos importantes restos arqueolóxicos de grande trascendencia para a historia da cidade: aras, columnas, miliarios, epígrafes… pois na zona de San Eufemia houbo un importante atentamente romano, no que foi escavada unha necrópole.
A igrexa de San Bartolomeu está levantada sobre unha necrópole romana, en parte visitable; o edificio ten unha orixe que algúns autores levan a época visigoda, o certo é que aparece xa citada nun documento do ano 965 e acolleu un mosteiro de monxes de San Bieito dende o século XI, establecendose o bispo Xorxe tras a restauración da sede no 1069 ata o ano 1179 no que o bispo D. Beltrán traslada a súa residencias aos novos pazos episcopais. O mosteiro continuara ata o 1435 en que dada as suas reducidas dimensións é agregado á Mesa Capitular tudense.
A actual igrexa conserva a súa factura prerrománica e románica, agás na sua portada reedificada no século XVIII. Trátase dun templo tipo basilicar con tres naves e tres ábsides. Entre os elementos decorativos salientan os capiteis románicos, alguns historiados, e as pinturas da capela maior de finais do século XVI e que representan diversas escas da paixón de Cristo.
Por esta parroquia discurre o camiño portugués a Compostela, que ten na Capela da Virxe do Camiño un dos seus fitos no tramos tudensde.
Ribadelouro
Esta parroquia ocupa o territorio da zona norte do municipio tudense nas ladeiras da Serra do Galiñeiro, ainda que son numerosos os achados de carácter arqueolóxicos ligados aos primeiros tempos da ocupación humana (instrumentos paleolíticos, machados de talón, etc.) a primeira referencia documental figura nun documento de 1112 no que se cita a esta parroquia polo nome da súa titular, Santa Comba. A actual igrexa parroquial data de 1827 en que foi completamente reedificada no mesmo solar que a antiga, probablemente de época románica.
Un monumento emblemática na parroquia de Ribadelouro é a ponte “das febres”, situada no camiño xacobeo, e lugar onde San Pedro González Telmo sentíndose enfermo voltou cara a Tui para morrer aos poucos días. Outra ponte medieval é a coñecida como San Simón sobre o regato do mesmo nome.