Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui pon en marcha unha nova edición do taller de reforzo escolar

24/09/2025

Impártese os martes no edificio Francisco Sánchez. Forma parte do Servizo de Atención Municipal a Menores de Tui.

Esta semana comezou unha nova temporada do taller de reforzo escolar destinado a nenos, nenas e adolescentes e as súas familias. Esta iniciativa púxose en marcha xa en cursos pasados, tras detectar dende o departamento de Servizos Sociais a necesidade crecente neste ámbito de actuación. Este taller de reforzo enmárcase no SAMM, o Servizo de Atención Municipal a Menores de Tui.

O taller ten lugar os martes no edificio Francisco Sánchez contando con  dous grupos de idade, e cun máximo de 10 menores por grupo para poder prestar a atención axeitada ás necesidades específicas de cada neno ou nena e as súas familias. O obxectivo é favorecer o éxito escolar e persoal dos nenos e nenas e reforzar o rol educativo das familias.

Os menores participantes son derivados dende os centros educativos ou pola Educadora Familiar do propio Concello de Tui.  

O taller brinda un espazo seguro e motivador onde o neno ou nena pode aprender e relacionarse, mellorar o seu rendemento académico, cunha atención personalizada. Tamén se realizan actividades de psicomotricidade e expresión, que contribúen a fortalecer a confianza e autoestima dos e das participantes. Ao tempo se ofrece ás familias asesoramento educativo e social, estratexias de crianza positiva e comunicación, e apoio para comprender e aplicar as normas básicas de convivencia. 

O Concello de Tui reafirma o seu compromiso coa educación e o benestar social co desenvolvemento destes e doutros programas ao longo do ano.