Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui lembra os Xogos Florais de Galicia co espectáculo de poesía e música de “Cintaadhesiva” con Silvia Penas e Jesús Andrés Tejada

23/06/2025

Será este mércores, 26 de xuño, ás 20 h no Espazosociocultural da rúa Camilo José Cela
 

O Concello de Tui promove, un ano máis, a conmemoración do aniversario dos Xogos Florais de Galicia, primeiro acto público celebrado integramente en lingua galega na etapa contemporánea que tiveron lugar no Teatro Principal tudense entre o 24 e o 26 de xuño de 1891.

Os actos programados polo Concello de Tui para a celebración do CXXXIV aniversario destes Xogos Florais abranguen dúas actividades a desenvolver este mércores 25 e o xoves 26 de xuño.

Así o mércores, ás 20 h, no  Espazosociocultural da rúa Camilo José Cela  terá lugar o espectáculo de poesía e música a cargo do grupo “Cintaadhesiva” cos poemas de Silvia Penas e a música de Jesús Andres Tejada.
O espectáculo intercala tamén temas cantados compostos polos mesmos autores. Cintaadhesiva é un dúo que podería encadrarse no xénero coñecido como “e-poesia”: poesía con música elecrónica, xa que a electrónica é a base principal das composicións de Jesús Andrés (con reminiscencias do post-rock, dream pop e ambient). Un concerto de Cintaadhesiva é unha experiencia moi completa, de gran intensidade. Nos contidos destaca un posicionamento marcadamente feminista e unha visión crítica de diversos ámbitos do social. Unha reflexión profunda e poética acerca da vida e das formas de actuar do ser humano.

Para a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente Solla, esta actividade conmemorativa dos Xogos Florais se Galicia de 1891 achega a Tui unha das voces poéticas mais suxestivas na actualidade en Galicia como é o caso de Silvia Penas.

Dende hai anos o Concello de Tui celebra arredor desta efeméride un recital poético que lembra aquel evento histórico e testemuña o seu compromiso a prol da lingua galega e a súa normalización. 

Silvia Penas (Vigo, 1980) comezou a súa andaina poética vinculada ao colectivo Redes Escarlata, co que participou en recitais. A autora acadou varios premios e accésits a lo longo da súa traxectoria. No 2010 publicou o seu primeiro poemario, Biografía da multitude (en colaboración con Elvira Riveiro Tobío; premio Victoriano Taibo). Tamén escribiu As uñas crecen (2016), co que gañou o Manuel Lueiro Rey. A esta obra seguiulle Diario de ladras, bailarinas, asasinas e flores (2016), pola que recibiu o Avelina Valladares. Son ademais obra súa outros títulos como Retratos de vodas, partos e funerais (2023), O resto é ceu (2021) e Fronteira Paraíso (2019).

Investiga a palabra inserta na escena, na música e no videoarte e traballou nos campos da interpretación e a oralidade, así como na performática e no slam poetry, estilos de improvisación pegados ás estéticas do urbano (organizando e impartindo obradoiros). Nesta liña, interésase non só polas novas maneiras de dicir senón pola capacidade mobilizadora do verso. Escribiu tamén textos para a representación teatral e incluso participou como actriz nalgunha función.

Xogos Florais de Galicia, Tui 1891
Estes actos rememoran a celebración na nosa cidade do 24 ao 26 de xuño de 1891 dos Xogos Florais de Galicia, primeiro acto público realizado integramente na nosa lingua, e que organizados pola Asemblea Rexionalista Galega, premiaban composicións en galego e castelán de diversos xéneros, como no caso tudense, a poesía. O primeiro presidente da institución, Manuel Murguía, converteríase aquel día no primeiro intelectual en dirixirse ao público en galego, lendo un discurso que constitúe un compendio do seu pensamento historicista e reivindicador, sinalando que o principal obxectivo era "o renacemento dunha nacionalidade case morta e esquecida por medio da literatura, das tradicións e da historia".

Na cidade de Tui unha Xunta Rexionalista, integrada por Manuel Fernández de Herva, como presidente,  xunto a Eduardo Caballero Canals, o cóengo Antonino Cerviño González, Juan Areses Alonso, o tamén cóengo Manuel Lago González, Juan Álvarez Cardero, Indalecio Rodríguez de Córdoba, Justo Salvador Fortes, Leoncio Comesaña González, Vicente García Rivera e Martín Díaz Spuch, organizaron, como representantes do Consistorio dos Xogos, un amplo programa que supuxo incluso o traslado das festas patronais de San Telmo. Do amplo programa desenvolvido salienta o propio acto dos Xogos, xunto a un concurso de gaiteiros, un banquete "rexionalista" -que lembraremos neste ano 2024- ou a función solemne de San Telmo na Catedral tudense coa actuación da orquestra catedralicia dirixida polo mestre Manuel Martínez Posse. Destacan no programa destes Xogos ás intervencións de Manuel Murguía, Salvador Cabeza de León ou Alfredo Brañas pero tamén as achegas tudenses: o discurso de Manuel Lago, como voceiro da Xunta Rexionalista de Tui, no acto celebrado no Teatro Principal e titulado “Gabanza da lingua galega” así como o chamado “sermón rexionalista” pronunciado polo cóengo tudense Antonino Cerviño na catedral de Tui.