Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui inaugurou hoxe o novo espazo social e cultural da rúa Camilo José Cela

14/12/2024

Está chamado a converterse en centro neurálxico contribuíndo á dinamización da cidade

O novo espazo socio cultural da rúa Camilo José Cela abriu hoxe as súas portas tras as obras da rehabilitación do inmoble acometidas polo Concello de Tui cun investimento de máis de 900 mil euros dos que preto de 800 mil foron financiados a través do PIREP Local.

Trátase dun edificio moderno, funcional e versátil, que está chamado a converterse nun centro neurálxico da cidade contribuíndo ao seu dinamismo cultural e social.

Este mediodía tivo lugar o acto inaugural no que interviron o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o delegado do goberno en Galicia, Pedro Blanco, a concelleira de Cultura, Ensino e Mocidade, Sonsoles Vicente, e un dos arquitectos responsables da obra, Daniel Torres. O acto contou coa presenza de numerosas autoridades, así coma de representantes de distintos colectivos culturais da cidade. 

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, abriu a súa intervención afirmando que “hoxe é un día feliz, un gran día para todos porque asistimos á recuperación dun espazo emblemático e recuperamos un equipamento para uso e disfrute de todos e todas”. Explicou que “este edificio foi programado para dar cabida á importante, intensa e feliz demanda que temos en Tui para as expresións de carácter social e cultural”.

O rexedor tudense recoñeceu para que o goberno municipal a rehabilitación deste inmoble foi un desafío, tanto dende o punto de vista da tramitación administrativa coma dende o punto de vista técnico e arquitectónico. Por iso amosou a súa satisfacción co resultado final  que dicía “é brillante porque houbo persoas e técnicos moi brillantes ao fronte do mesmo”.  Por outra parte Enrique Cabaleiro destacou coma grazas aos fondos do Plan de Resiliencia o Concello puido obter unha parte moi importante do financiamento preciso. Pero tamén lembrou coma en Tui grazas a estes fondos se executaron outros proxectos coma o Centro Municipal de Piragüismo, o edificio do Mercado de San Antonio, ou a Cárcere Vella. Avanzaba que dende o Concello se seguirá traballando para recuperar equipamentos, non só no centro urbano, senón tamén nas parroquias coma se fixo co Centro Cultural de Paramos, indicando coma novos retos os centro culturais de Malvas e Caldelas. Tamén repasou outras actuación previstas que serán financiadas a través de PSTD’s coma o alumeado do conxunto histórico ou a iluminación artística da Catedral . O rexedor tudense rematou a súa intervención reafirmando o compromiso da corporación municipal para levar a cabo este tipo de obras.

O delegado do goberno en Galicia, Pedro Blanco, destacou na súa intervención que “Tui é un dos mellores exemplos de como se aproveitan as oportunidades de financiamento do goberno de España. Afirmou que “este edificio vaise converter nun verdadeiro punto de encontro, nun lugar que favorecerá o desenvolvemento cultural e social de Tui”.

Pola súa parte a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente,  afirmou na súa intervención que este é “un espazo que vai dinamizar aínda máis a nosa vida social e cultural”  engadía que “Tui precisaba un espazo así, diverso e multifuncional, para dar cabida a gran diversidade cultural que temos no noso municipio”.  Salientou Sonsoles Vicente que “temos a gran sorte de ter un tecido asociativo inmenso que ten unha ampla capacidade cultural tanto nas parroquias coma no centro urbano e este é o sitio idóneo para que todos poidamos levar a cabo actividades e eventos”.  Remataba afirmado que “a cultura xera progreso que é o que queremos para Tui”.

Na súa intervención Sonsoles Vicente aludiu tamén á cor rosa do interior do edificio, conectándoo, casualidade o non, dicía, con “La Rosa” o libro no que  Camilo José Cela falaba das súas memorias da infancia, das rúas desta cidade e mesmo deste edificio.

Precisamente un dos arquitectos responsables da obra, Daniel Torres Campo, explicaba que coa cor do interior buscaron darlle ao edificio un tono festivo. Explicou a obra realizada na que tiveron moi en conta a eficiencia enerxética, tanto ao través do illamento da cuberta coma das paredes, coma tamén dos paneis solares instalados e baterías que posibilitan que o seu consumo sexa case nulo.

A obra foi adxudicada por  931.892,50 euros, dos que 793.725,00 foron financiados polo polo Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana a través das axudas para a rehabilitación de edificios de titularidade pública no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Nesta convocatoria o proxecto presentado polo Concello de Tui obtivo a décimo cuarta mellor valoración entre un total de 500 candidaturas.

O novo espazo conta con illamento sonoro, está equipado con proxector, unha pantalla de 650 x 370 cm e un escenario modular de até 36 m2. Ten capacidade para 270 persoas sentadas.

Hoxe o alumnado o Conservatorio Profesional de Música de Tui co interpretación do Nocturno Opus 83 de Max Brunch e de Sing Sing Sing de Louis Prima puxo a banda sonora a este evento.  Precisamente a próxima semana, o martes 17, mércores 18 e xoves 19, este espazo acollerá, dentro da programación de Nadal, novos concertos do alumnado tanto do Conservatorio coma de Escola Municipal de Música de Tui.