Presentación da axenda cultural para o segundo semestre (Dulce Pontes e Cristina Pato, estrelas do verán en Tui)
Todas as actividades recóllense no número 20 da Axenda Cultural Corredoira
Dulce Pontes e Cristina Pato, estrelas do verán en Tui
A programación cultural do 2º semestre ten un orzamento de 150 mil €. Inclúe 16 espectáculos no verán e 10 no outono.
Xoves, 15 de xullo de 2010. Dezaseis espectáculos no verán e dez no outono conforman a programación para o segundo semestre do ano da Concellería de Cultura de Tui. Estas actividades veñen recollidas no número 20 da Axenda Cultural Corredoira da que se editaron 16 mil exemplares. Deste total 5 mil repartiranse en fogares de Tui, outros tantos en Valença, e 6 mil en establecementos públicos, no Concello e no Teatro Municipal. Esta programación conta un orzamento que supera os 150 mil euros, dos que 45 mil son aportados polo Concello e os restantes proceden de distintos organismos e entidades coma a Xunta de Galicia, o Xacobeo 2010,e a Deputación de Pontevedra. O Alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha, e o Concelleiro de Cultura, Moisés Rodríguez, foron esta mañá os encargados de presentar estas actividades que se van desenvolver ata finais de ano. Moisés Rodríguez expuña na súa intervención que dende o Concello de Tui hai tempo que se fixo unha aposta segura, económica e rendible de dar continuidade a programación ano a ano, mantendo unha tendencia a alza que está a dar uns bos resultados, resaltando a súa estabilidade, continuidade e variedade. Con respecto ao segundo semestre de 2010 explicaba o edil de Cultura que a programación do verán engloba distintos xéneros dende o Festival Via Stellae, folclore popular co Encontro do Pobos e a Noite Internacional do Miño, cinema, bandas de musica e actuacións destacadas coma a de Dulce Pontes o 24 deste mes e Cristina Pato o día 25 de xullo, coas que se busca pór de relevo a vinculación xacobea que teñen Galicia e Portugal. Precisamente nesa relación con Portugal destacaba o éxito do Festival “2 Marxens Rock” celebrado a pasada fin de semana en colaboración coa Cámara de Valença continuando un camiño de colaboración conxunto que dícía “é algo que temos que explotar”. Mentres a programación de outono divídese na dirixida a público adulto e ao infantil. No primeiro grupo estarán presentes Robert Bodegas, Sarabela, o Centro Coreográfico Galego, Lagarta, Lagarta, o grupo de acordeóns Mascarenhas e o Concerto de Fin de Ano. Mentres con espectáculos para cativos estarán en Tui Galitoon, Tanxarina, Aracaladanza e Berrobambán. Pola súa parte o Alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha indicou que lles preocupaba neste Ano Santo poder ofrecer algo excepcional para a fin de semana do 25 de xullo, e que se materializou co Festival Vía Stellae e os concertos que Dulces Pontes e Cristina Pato, ofrecerán o día 24 e 25 respectivamente. Fernández Rocha puña de relevo que “unha vez máis Tui, a pesar da crise, segue apostando por algo tan importante coma é a cultura”. Engadía que “creo que Tui se sinte satisfeito e orgulloso desta programación”. A programación amais de na Axenda Cultural “Corredoira” será promocionada tamén ao través de vallas publicitarias, con carteis de cada espectáculo, coa proxección de vídeos na no vestíbulo do Teatro, con notas de prensa, ao través do Servizo de Información ao Público e na web www.culturatui.info