Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui presenta o XLIV Descenso Internacional do Miño e o V Descenso Popular do Miño

11/08/2015

O Descenso Internacional sairá ás 18.30h. dende Salvaterra. O percorrido consta de arredor de 15 quilómetros. Pola súa parte, o Descenso Popular arrincará ás 16h., cunha distancia de preto de 7 quilómetros

 

Paralelamente ó deporte, a V Festa do Miño contará coa V Festa Gastronómica que comeza ás 19.30h e os concertos no Paseo da Corredoira, nos que actúa Uxía e Narf e Pandeiromus

 

Luns, 10 de agosto de 2015. Hoxe, ás 11.00 horas, no Salón de Plenos do Concello de Tui, foi a presentación do XLIV Descenso Internacional do Miño "Memorial José Manuel Jiménez" e do V Descenso Popular do Miño, organizados polo Club Kaiak Tudense, en colaboración co Concello de Tui e a Federación Galega de Piragüismo, que terán lugar este sábado pola tarde.

Na rolda de prensa participaron o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Deportes, Laureano Alonso, a concelleira de cultura, María José González, o secretario xeral para o deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete, así como a deputada provincial de deportes da Deputación de Pontevedra, Chelo Besada, o presidente da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea, e o director técnico do Club Kaiak Tudense, Esteban Alonso. Ademais, o Salón de Plenos contou coa presenza dos padeeiros tudenses que competirán no Descenso Internacional. 

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, explicou que se hai un deporte do que se sinte orgullosa a cidade de Tui e do piragüismo, e que os éxitos dos padeeiros fan necesario que se destine unha maior partida orzamentaria para asegurar a súa sostibilidade, dado que malia a ser un deporte de elite non é de masas.

Esteban Alonso, director técnico do Kaiak explicou que este ano, o descenso Internacional superou os rexistros de inscritos das edicións anteriores, e hai 500 embarcacións e 800 deportistas apuntados de 44 clubs chegados de diferentes autonomías e tamén de Portugal. Pola súa banda, o presidente da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea, afirmou que o Descenso Internacional é un dos mellores de Galicia, tanto polo público como polo seu apoio.

Deseguida, a deputada provincial de deportes, Chelo Besada, explicou que as subvencións do deporte teñen que ser un dereito e os clubs e deportistas deben contar cunha asignación fixa.

Finalmente, o secretario xeral para o deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete, quixo incidir na boa xeira de resultados do Kaiak, e isto refléxase en que dos 18 padeeiros españois que van competir en Milán, 4 pertencen ao Kaiak. Para rematar, o secretario xeral amosou o seu apoio para que os Descensos do Miño sexan declarados Festas de Interese. Isto é posible debido a que a Xunta de Galicia mudou o decreto 4/2015, e a partir do mesmo inclúese ó deporte como elemento a ter en conta neste nomeamento.

O Descenso Internacional sairá este sábado, ás 18.30h dende Salvaterra. O percorrido consta de arredor de 15 quilómetros. Pola súa parte, o Descenso Popular arrincará ás 16h., cunha distancia de preto de 7 quilómetros a realizar en dúas horas aproximadamente.

A V Festa do Miño conxugará ademais do deporte, gastronomía e música

Pola súa banda, a concelleira de cultura, María José González, deu conta de que a V Festa do Miño, conta doutros actos parellos ao deporte, como son a V Festa Gastronómica que comeza ás 19.30h con preto de 22 postos e os concertos no Paseo da Corredoira, nos que actúa Uxía e Narf e Pandeiromus.