Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Catorce comparsas participan este domingo no Desfile-Concurso de Entroido en Tui

19/02/2016


Tivo que ser aprazado o pasado día 8 pola choiva. Sairá ás 17h das rúas novas.


Tui celebrará este domingo o seu Desfile-Concurso de Entroido logo de telo que aprazar o pasado día 8 pola choiva. Participarán 14 comparsas de Tui, Tomiño, Salceda, Gondomar e O Porriño, que sumarán máis de 1.100 persoas desfilando polas rúas nova da cidade. O desfile comezará ás 17h   no circuíto establecido polas rúas Casal Aboy, Compostela, Betanzos, Irmáns Maristas, Ourense e A Guarda. Este ano haberá son ambiente en todas das rúas por onde pasarán os participantes.


Repartiranse preto de 10 mil euros entre premios e compensacións por participar. Hai sete premios na categoría xeral na que o xurado valorará actualidade, vestiario, parodia, acompañamento musical e carroza. A contía dos premios oscilará entre os 700€ do primeiro clasificado e os 100 que percibirá o sétimo. En carrozas hai sete premios que oscilan entre 400€ e os 50€. Mentres en acompañamento musical establécense catro premios de 250€, 150€, 100 e 50€ e un en Fantasía dotado con 250€.


Ao finalizar o desfile e mentres o xurado delibera actuará a orquestra Terranova.


Restricións no tráfico


Debido á celebración do Desfile-Concurso de Entroido este domingo dende ás 14h ás 22h non se poderá estacionar e estarán pechadas ao tráfico as rúas Casal Aboy, Compostela, Betanzos, Irmáns Maristas, Ourense, A Guarda e Mondoñedo.