Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Biblioteca municipal convoca un concurso de caligramas

5/02/2007

A BIBLIOTECA MUNICIPAL CONVOCA UN CONCURSO DE CALIGRAMAS
Trátase dunha iniciativa novidosa en Galicia

A Biblioteca Pública Municipal de Tui convoca un concurso de caligramas para promover a creatividade e a innovación. Para o Concelleiro de Cultura do Concello de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, esta convocatoria ten un carácter novidoso pois trátase da única convocatoria dun concurso destas características en toda Galicia. Este concurso enmárcase dentro do amplo programa de actividades de animación á lectura que promove a biblioteca tudense.

O caligrama, ou tamén chamado poema visual, é un texto, xeralmente de carácter poético, no que emprégase a disposición das letras ou palabras, a tipografía ou a caligrafía para tentar representar o contido do poema ou texto.
Nesta convocatoria pode participar calquera persoa con dous caligramas, orixinais e inéditos. O prazo de admisión de orixinais remata o 10 marzo de 2007. As obras presentaranse na Biblioteca Pública Municipal de Tui (Rúa Colón, 2 – 36700 Tui) ou enviaranse, libres de gastos, á mesma dirección indicando no sobre “Para Concurso Caligramas”. Os orixinais virán presentados nun soporte ríxido, non superando as dimensións dun folio tipo DINA3.

O concurso está dotado cos seguintes premios:
- Primeiro Premio de 300 Euros
- Segundo Premio de 200 Euros
Coas obras presentadas a Biblioteca Pública Municipal de Tui organizará unha exposición pública que coincidirá coa celebración do “Día da poesía”, o 21 de marzo.

Co gallo da celebración desta xornada do “Día da poesía” a Biblioteca tudense promoverá diversas actividades dirixidas aos diversos sectores de usuarios centradas no mundo poético.

Dende a Concellería de Cultura tudense anímase a todos os creadores a participar neste certame confiando acadar unha boa resposta a esta iniciativa.