Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Aula Cemit de Tui acollerá un dos seminarios do Día de Scratch

12/09/2025

Celebrarase o sábado 20, ás 9.30 h, dirixido nenos e nenas de 7 a 15 anos e as súas familias

A Aula CEMIT de Tui acollerá un dos seminarios do Día de Scratch,  organizados pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia, CPETIG. Esta iniciativa busca achegar á rapazada ao mundo da programación dun xeito lúdico e práctico.

O obradoiro celebrarase o próximo sábado, 20 de setembro, de 9.30 a 14.00 h dirixido a mozos e mozas de 7 a 15 anos, que deberán participar acompañados dunha persoa adulta. O obxectivo é que as persoas asistentes poidan aprender a crear videoxogos coa ferramenta Scratch, ao tempo que se introducen en conceptos básicos de programación, electrónica e intelixencia artificial.

O seminario comezará cunha introdución aos videoxogos con Scratch: movemento de obxectos, clonaxe, interacción, variables e creación dun videoxogo básico. Os mozos e mozas participantes, xunto cos seus familiares, aprender o uso de MicroBit con Scratch, para pasar logo á parte máis práctica coa montaxe dun semáforo, alumeado automatizado e ao uso da IA con Scratch.

A participación é gratuíta e as persoas interesadas deben inscribirse a través da web https://cemit.xunta.gal/gl/centros/tui .As prazas son limitadas. 

Cos seminarios do Día de Scratch, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e o CPETIG pretenden fomentar o interese polas disciplinas STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas) entre a mocidade galega, ofrecéndolles unha primeira experiencia de creación tecnolóxica que combina aprendizaxe, creatividade e diversión.

O Concello de Tui súmase a esta iniciativa a través da Aula CEMIT, continuando así outras actividades desenvolvidas este verán para a infancia e a mocidade coma o Campamento Dixital con Kid Code, o obradoiro Girl Steam ofertando tamén a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e o CPETIG, os dous campamentos dixitais que se celebraron nas últimas semanas coa Fundación Cibervoluntarios.

Inscrición Seminario Día de Scratch