O programa Feminino Plural ofrece unha actuación multidisciplinar, integral e feminista ás mulleres tudenses
Conta cun servizo gratuíto de asesoramento xurídico, psicolóxico e laboral axustado ás necesidades das participantes. Comeza este venres con Pedaladas para o corazón
O Concello de Tui desenvolverá durante este mes de agosto e o de setembro o programa “Feminino Plural”. Promovida pola Concellería de Igualdade trátase dunha iniciativa integral, multidisciplinar e profundamente feminista que pon no centro ás mulleres e as súas realidades, e que responde á urxencia de actuar fronte ás múltiples formas de violencia e desigualdade estrutural que aínda sofren as mulleres hoxe en día. “Feminino Plural” é unha declaración de intencións e de acción pola igualdade.
A concelleira de Igualdade, Ana Núñez, explica que a través deste programa ofrécese un Servizo Integral e Especializado de Asesoramento Xurídico, Psicolóxico e Laboral, gratuíto e adaptado a cada muller. Deste xeito estableceranse itinerarios individualizados para a inserción sociolaboral e persoal, apostando por unha recuperación integral dende o coidado, a dignidade e a autonomía.
Este programa, cofinanciado polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e a Xunta de Galicia no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, chega para romper silencios, xerar redes de apoio real e ofrecer ferramentas concretas de empoderamento ás mulleres tudenses.
Durante dous meses, profesionais de recoñecida traxectoria conducirán un itinerario formativo e de benestar baseado nunha perspectiva de xénero transversal. Así haberá obradoiros de saúde mental, mindfulness, alimentación consciente con perspectiva de xénero, spinning, ioga ou cafés feministas, pezas clave dun proceso de toma de conciencia e empoderamento colectivo.
Este venres Pedaladas para o corazón
Así a primeira destas actividades será este mesmo venres, 8 de agosto, ás 10.30 h, no Paseo Fluvial con “Pedaladas para o corazón”. Será unha actividade spinning ao aire libre para mulleres que se deben inscribir previamente a través do WhatsApp 685 211 882. As prazas son limitadas e se cubrirán por orde de inscrición.
O programa tamén contempla espazos de reflexión sobre o papel das mulleres na sociedade, análise crítica das causas da desigualdade, así como formacións orientadas ao emprego e ao autoemprego, uso das redes sociais, comunicación efectiva e visitas a empresas e iniciativas inspiradoras.
Desde o Concello convídase as mulleres de Tui a participar neste programa transformador. Para as distintas actividades previstas e servizos a inscrición está aberta a través do teléfono e WhatsApp 685 211 882.
Pódese ampliar esta información nos departamentos de Servizos Sociais e Igualdade na casa do concello, en tui.gal e nas redes sociais municipais.