Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Libros, música e espectáculos este sábado en Tui na Feira do Libro Galego

14/05/2025

Celebrarase no Paseo da Corredoira coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas

Este sábado, 17 de maio, o Paseo da Corredoira tudense acolle unha nova edición da “Feira do Libro Galego” que dende hai 26 edicións achega a produción editorial galega á veciñanza, visitantes e lectores. Neste ano as librarías locais, Libraría Iris e Libraría Nobel, ocuparan 15 postos de venda onde se amosarán as novidades tanto literarias como de non ficción para a infancia, mocidade e lectores adultos, cun desconto do 10%.

A inauguración da feira terá lugar ás 12 h co pregón a cargo do historiador Bieito Alonso. Foi profesor de xeografía e historia no ensino secundario, traballando tamén no Lycée International de Saint-Germain-en-Laye (Francia) e en Rabat. Historiador e autor dun número importante de obras, entre as que destacan: Breve historia do nacionalismo galego (1999), O exilio de Castelao. 1939-1950. Pensamento e acción política (2000), O sindicalismo nacionalista galego, 1972-1982 (2003), Obreiros alén mar. Mariñeiros, fogoneiros e anarquistas galegos en New York (2006), Anarquistas galegos en América, Premio da Crítica de Galicia na categoría de Investigación 2020 (Galaxia, 2019), Estendendo a rebelión. Sindicalistas marítimos galegos na América atlántica (Premio Manuel Murguía de Ensaio, 2021), Inimigos ás portas. Frank López e o anarquismo global (2024) así́ como unha manchea de traballos en obras de carácter colectivo e artigos en revistas especializadas.

Ao longo da xornada celebraranse diversas actividades de animación e música.

A Compañía Espectácular actuará ás 12.30 h  cunha proposta para público familiar titulada “Os mundos de Elisa”. O espectáculo está protagonizado por Elisa que quere expresarse e contar contos, pero precisa dunha dose de confianza. Grazas á axuda do seu enigmático amigo Ulrich e do Biblioquetario, un pequeno personaxe moi especial, viaxará a unha dimensión máxica. Alí poderá recoñecer as súas capacidades a través dunha fermosa selección de contos que falan de igualdade, poder persoal e entusiasmo.

Ás 18 h será a quenda de María Faltri co “Coa pandeireta na man”. María Faltri é un dos nomes de referencia dentro da música infantil galega. Nesta ocasión presenta un espectáculo para achegar ás máis pequenas e pequenos a riqueza da música tradicional galega e á importancia da tradición oral. A partir dun repertorio de cancións emblemáticas da música tradicional e a través de xogos de repetición, bailes e brincadeiras, as nenas e nenos terán a oportunidade de recoñecer parte da historia popular e tradicional da nosa música, facendo súa a importancia da tradición oral.

O programa de actividades pecharase ás 19.30 h coa actuación das cantareiras da asociación cultural “Darraia”.  Darraia comeza andadura en outubro de 2017, como unha aula da escola de música tradicional da Asociación Cultural San Telmo de Tui. Dende a agrupación trabállase na recuperación da música e do baile tradicional, cita imprescindible nesta xornada en que o Día das Letras Galegas está dedicado á poesía popular oral que ten nas cantareiras unha das súas expresións máis acaídas.

Ao longo da toda a xornada na Oficina de Turismo se poderán visitar unha a exposición de ata dez pósters dedicados as cantareiras populares a quen lembramos este ano no Día das Letras, realizados polo alumnado doutros tantos centros educativos tudenses.

A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla, sinala que esta nova edición, a vixésimo sexta, da Feira do Libro Galego é unha excelente oportunidade para achegarse ao libro e a lectura. Sonsoles Vicente agradece o protagonismo das dúas librarías tudenses, Iris e Nobel, pois sen elas e o seu empeño esta Feira do Libro Galego non sería posible. A concelleira quere reivindicar tamén o legado de tantas mulleres do pobo que, coma as que protagonizan a actuación musical deste Día das Letras Galegas, foron principais creadoras e transmisoras da poesía popular oral, e da súa continuidade en novas voces.

Esta actividade conta coa colaboración da Deputación Provincial de Pontevedra.