Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Conxunto Histórico

O Conxunto Histórico de Tui, declarado Ben de Interese Cultural BIC, é un dos principais atractivos turísticos da cidade. Rúas empedradas, testemuñas da historia ao longo dos séculos, casas brasonadas, monumentos... O conxunto histórico de Tui é o segundo en importancia e en extensión, logo do de Santiago de Compostela. 

Destacamos algúns dos elementos singulares que forman parte do Conxunto Histórico tudense. 

MUSEO DIOCESANO

Ubicado no antiguo Hospital para Pobres e Peregrínos, o edificio data de 1756. No mesmo os peregrinos que ían a Compostela tiñan dereito a pernoctar tres noites. Na planta baixa está a alhóndiga ou mercado da cidade. Destaca no interior do Museo Diocesano o fermoso patio central e as ricas coleccións de arte sacro da diocese e de arqueoloxía da cidade (entre elas o casco 'celta' de Caldelas).

CAPELA DE SAN TELMO

 

 

Exemplar único do barroco portugués en Galicia, foi edificada sobre a casa onde morreu este santo dominico no século XIII. Iniciada no 1769 non se finalizou ate 1803. Destaca a planta circular, a cúpula gallonada e os frescos de principios do XIX.

CONVENTO DAS CLARISAS

 

 

Sobre os antigos pazos episcopais da Oliveira construiuse entre os séculos XVII e XVIII o actual convento. A igrexa, de finais do XVII, corresponde a patróns clasicistas, intégrase no conxunto conventual que destaca polas súas grandes proporcións e solidez constructiva.

 

IGREXA DE SAN FRANCISCO

 

 

Formou parte orixinariamente do convento franciscano de San Antonio. Foi realizado entre 1682 e 1728, cun destacado retablo barroco da primeira mitade do século XVIII. O antigo convento é na actualidade o Seminario Menor diocesano. Conta con dous claustros, un barroco e aberto.

 

CONVENTO DE SAN DOMINGOS

 

 

A súa igrexa está edificada en estilo gótico, característico dos primeiros tempos desta orde mendicante. Posúe dous magníficos retablos barrocos do século XVIII. O maior, obra do artista redondelano, Antonio del Villar, destaca pola súa grandiosidade. No cruceiro sur o retablo da Virxe do Rosario posúe, na súa parte superior, unha curiosa representación da batalla de Lepanto. Esta igrexa e o seu convento -do que se conservan escasos restos arquitectónicos- foi o panteón da nobreza tudense: Soutomaiores, Correas, Ozores, etc...

 

SAN BARTOLOMEU DE REBORDÁNS

 

 

Levantada sobre precedentes romanos e suevos, esta igrexa data do século XI, coa súa planta basilical, destacando os seus capiteles historiados de rudo primitivismo. Na capela maior consérvanse unhas magníficas pinturas murais do século XVI. Este antigo mosteiro foi sede episcopal nos primeiros tempos medievais.

 

MURALLAS

 

 

A defensa da cidade foi no seu día o obxectivo dos dous sistemas amurallados que se conservan en Tui. Un corresponde á época medieval, séculos XII e XIII. Formaba un amplo recinto irregular con varias torres defensivas. Consérvanse os seus antigos accesos a Porta da Pía, cos seus póstigos visibles, a base da torre e diversos tramos da mesma. Nos séculos XVII e XVIII, con ocasión das guerras con Portugal, edificouse un novo sistema amurallado, máis amplo, cuxos principáis restos se poden contemplar na actualidade dende o paseo fluvial.