Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Oficina Municipal de Turismo recibiu 1711 visitas en Semana Santa

26/04/2011

 

A OFICINA MUNICIPAL DE TURISMO DE TUI RECIBIU 1.711 VISITAS EN SEMANA SANTA

 

Martes, 26 de abril de 2011. Dende o pasado xoves 14 e ata o domingo 24 de abril, no período de Semana Santa, a Oficina Municipal de Turismo atendeu un total de 1.711 consultas dos visitantes que se achegaron a nosa cidade durante este período vacacional. Destas consultas un total de 1.448 corresponden a turistas procedentes das diversas comunidades españolas (destacando os procedentes de Madrid, Castilla-León e a propia Galicia) mentres que un total de 263 consultas corresponden a turistas doutras nacionalidades (especialmente portugueses e alemáns).

 

Deste número de visitas, 160 foron peregrinos que están realizando o Camiño de Santiago, salientando o importante número de peregrinos procedentes de Alemaña que procuraron información nesta oficina.

 

Para o concelleiro de cultura tudense, Moisés Rodríguez Pérez, estes datos son altamente positivos pois evidencian a importante potencialidade turística do noso municipio. Esta Oficina Municipal de Turismo, ubicada no céntrico Paseo da Corredoira, está aberta dende o pasado día 14 de abril ata o vindeiro outono, estando atendida por dúas bolseiras tituladas en turismo ao abeiro dunha axuda económica do Patronato Provincial de Turismo “Rías Baixas”.

 

Na Oficina Municipal de Turismo os turistas e visitantes atopan información sobre os lugares de interese do municipio e da comarca, as actividades culturais e deportivas previstas, e as alternativas de ocio que existen no noso municipio e no seu entorno.