O Concello de Tui e o Centro de Transfusións de Galicia impulsan unha campaña de doazón de sangue no municipio
O Concello de Tui e o Centro de Transfusións de Galicia impulsan unha campaña de doazón de sangue no municipio
Haberá unha unidade este venres e sábado na Praza de Galicia
Mércores, 10 de agosto de 2011. O Concello de TUI e o Centro de Transfusión de Galicia impulsan a participación dos veciños e veciñas na doazón de sangue coa campaña “Este verán salva vidas. O teu sangue é vida. Compártea”
Deste xeito o Concello de Tui e o Centro de Transfusión de Galicia (CTG), impulsan unha iniciativa que ten como obxectivo promover a participación dos veciños e veciñas nas campañas de doazón de sangue, e deste xeito garantir o correcto desenvolvemento do labor asistencial nos centros sanitarios galegos, que van precisar ao redor de 30.000 doazóns de sangue nos meses de verán para cubrir todas as necesidades.
As persoas que desexen participar poden acudir á unidade móbil do CTG a que estará este venres e sábado na Praza de Galicia en Tui. O venres poderase doar de 10 a 14 e de 16 a 21h, e o sábado de 10 a 15h.
Mediante esta iniciativa, que se está a desenvolver este verán preténdese mellorar a información sobre este acto altruísta, para que a participación solidaria dos veciños do concello chegue aos nosos hospitais co obxectivo de compartir a nosa saúde e salvar vidas.
O Concello e o Centro de Transfusión de Galicia, amosan o seu agradecemento a todos os veciños que participan cada ano nas campañas de doazón de sangue e permiten deste xeito que moitos enfermos recuperen a súa saúde, e necesario incrementar a participación para que Tui siga sendo uns dos concellos mais solidarios de Galicia acadando o índice recomendado pola OMS.
Durante o ano 2010 o Concello de Tui acadou un total de 869 doazóns de sangue. Esta cifra supuxo manter a participación e representa unha taxa de 50 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano.
O obxectivo do Centro de Transfusión de Galicia neste concello pasa por incrementar participación dos veciños e veciñas, para que a taxa de doazón do Concello de Tui se manteña nas cotas mais altas de solidariedade.
Por este motivo o alcalde, Moisés Rodríguez, fai un chamamento á poboación a achegarse este venres e sábado ata a unidade móbil na Praza de Galicia e doar sangue. Nese senso lembra que este é un xesto altruísta que non doe que non supón ningún risco para a saúde, e que amais pode salvar vidas.