Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Arquivo Municipal actualiza os seus instrumentos de descrición e conta xa cunha sala de investigadores

14/04/2008

O Arquivo Municipal de Tui actualiza os seus instrumentos de descrición coa colaboración de Deputación Provincial

Conta xa cunha sala de investigadores que facilita a consulta da documentación 

O persoal do Arquivo Municipal de Tui en colaboración co Servizo Técnico do Patrimonio Documental da Deputación acaba de rematar un proceso colaboración na actualización dos instrumentos de descrición referidos á documentación transferida no último ano dende as propias oficinas xestoras do Concello ao arquivo municipal de Tui, situado na planta baixa da casa do Concello.  

Estes traballos desenvolvidos nos últimos meses polos responsables do arquivo municipal tudense, Rafael Sánchez Bargiela e María Dolores Martínez Gamallo, supuxeron a incorporación de 112 novas unidades de instalación e 14 metros lineais de documentación, que corresponden ao último ano, que veñen de ser revisadas e incorporadas os instrumentos de descrición, actualizando a información que deste arquivo se ofrece dende a páxina web da Deputación Provincial de Pontevedra. 

Esta actuación enmárcase dentro dun proceso de asistencia técnica permanente aos concellos por parte da Deputación Provincial en materia de patrimonio documental, que no caso concreto do Arquivo Municipal de Tui se iniciou en 1985 e se desenvolveu en sucesivas fases de profundización informativa e de actualización e informatización nos anos 1986, 1987, 2005, 2006 e 2007.  

O resultado vén ser un conxunto documental organizado, debidamente instalado, de fácil manexo e consulta e de conservación garantida, composto por un total de 4.401 unidades de instalación, con documentación principalmente do século vinte, con datas extremas que van de 1789 ata o 2007.  Dispón o arquivo dos instrumentos suficientes para o seu manexo e control, especialmente a base de datos do inventario descritivo formado por 28.470 rexistros que detallan a nivel de expediente a maior parte dos fondos. 

Por outra banda, nas dependencias dos Arquivo Municipal disponse xa dunha sala de investigadores destinada a acoller as persoas que desexan consultar os fondos documentais do arquivo tudense, que mellora substancialmente as condicións de consulta da documentación. Deste xeito o Arquivo Municipal tudense ofrece aos cidadáns e investigadores un servizo de acceso á documentación máis axeitado.

Para o Concelleiro de Cultura de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, coa instalación deste novo mobiliario para a sala de investigadores cúmprese unha vella aspiración do Concello e deste xeito o Arquivo tudense prepárase para acoller nun próximo futuro a documentación histórica ata agora depositada no Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra.