Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

52 participantes na V exposición colectiva de artistas tudenses

26/04/2011

52 ARTISTAS E AFECCIONADOS PARTICIPAN EN “ARTUISTAS: V EXPOSICIÓN COLECTIVA DE ARTISTAS TUDENSES”

 

Luns, 25 de abril de 2011. A Concellería de Cultura do Concello de Tui organiza a quinta edición de “Artuistas: exposición colectiva de artistas tudenses” que foi inaugurada o pasado sábado 23 de abril na Sala Municipal de Exposicións no edificio Área Panorámica.

 

Nesta mostra reúnese unha escolma da produción dun total de 53 creadores e afeccionados vinculados á cidade de Tui, ben por nacemento ou por residencia, e como apunta o concelleiro de cultura, Moisés Rodríguez Pérez, esta exposición colectiva dende a súa ampla diversidade de técnicas e calidades amosa o vigor e a potencialidade creativa das xentes de Tui.

 

Nesta nova edición de “Artuistas” os participantes exhiben unicamente unha obra; con esta medida a Concellería de Cultura tudense busca que esta mostra colectiva teña unha máis axeitada presentación pois en anteriores edicións o excesivo número de obras participantes dificultaba que as mesmas se puideran amosar cun mínimo de calidade.

 

Nesta exposición que estará aberta ao público ata o vindeiro 22 de maio os visitantes poden contemplar obras de artistas de recoñecido prestixio como José Luis Méndez Rodríguez “Lis”, Xavier de Sousa, Rosendo, Ritta Bremer, Nuria Figueiredo, Moise Dikoff, Rai ata un amplo número de afeccionados. Esta ampla diversidade é unha das notas características desta exposición colectiva que suscita un amplo interese entre os veciños de Tui e os visitantes que se achegan nestas datas festivas.

 

Para a Concellería de Cultura tudense a realización de esta V Exposición colectiva de artistas tudenses é unha oportunidade única de amosar como as xentes de Tui teñen unha ampla capacidade de creación artística. Moisés Rodríguez agradece a todos os participantes o seu interese por amosar a súa produción e a colaboración prestada coa Concellería para lograr reunir este amplo abano da capacidade artística das xentes de Tui.

 

Exposición Artuistas, exposición colectiva de artistas tudenses

Sala de Exposicións Municipal

Do 23 de abril ao 22 de maio