Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui punto da partida dunha multitudinaria peregrinación polo Camiño Portugués

29/07/2010

Tui punto da partida dunha multitudinaria peregrinación polo Camiño Portugués

1.900 mozos andaluces sairán mañá xoves e o venres da cidade

 

Mércores, 28 de xullo de 2010. Un total de 1.900 mozos de entre 16 e 35 anos provenientes de distintas dioceses andaluzas van chegar entre mañá xoves e o venres a Tui divididos en dous grupos para iniciar na cidade o camiño a Compostela.

 

O primeiro grupo, de 980 persoas das dioceses de Córdoba, Málaga, Cádiz, Ceuta e Xerez, ten previsto estar en Tui mañá xoves arredor das 19.30h, para asistir a unha misa que se celebrará na Catedral tudense. Pasarán a noite nos dous pavillóns municipais e no do Instituto San Paio e iniciarán o venres a primeira hora o percorrido do Camiño Portugués a Santiago.

 

O venres pola tarde chegará a Tui o outro grupo con 920 mozos de Sevilla, Huelva, Jaén, e Granada, que tras pasar a noite nos pavillóns municipais e no San Paio, iniciarán o sábado o Camiño a Compostela onde teñen previsto chegar entre o día 4 e o día 5.

 

O Concelleiro de Cultura de Tui, Moisés Rodríguez, amosa a súa satisfacción por esta multitudinaria peregrinación que vai acoller a cidade nos próximos días, o que reforza a importancia de Tui coma Porta de Entrada a Galicia do Camiño Portugués a Santiago. Lembra o traballo que dende o Concello se leva a cabo para darlle pulo a esta rota xacobea coma a apertura do Centro de Interpretación do Camiño Portugués no Museo Municipal en Santo Domingo, ou a edición de material informativo en varios idiomas.

 

Pon tamén de relevo Moisés Rodríguez a boa repercusión que estas peregrinacións que se están sucedendo ao longo do ano poden ter no turismo tudense, xa que moitos dos peregrinos que están de paso por Tui quedan encantados co que a cidade ofrece e plantexan volver noutra ocasión con máis calma.

 

Máis de 600 persoas chegarán o domingo tamén para facer o Camiño

 

Á peregrinación das dioceses andaluzas, hai que sumar a prevista para este próximo domingo dun grupo de 500 persoas das dioceses de Cataluña e Baleares, 45 persoas do grupo Scouts de La Salle de Jérez de la Frontera, 50 persoas de Collado-Villalba de Madrid, así coma un grupo das Milicias de Santa María Inmaculada de Madrid.