Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Paseo da Corredoiro acolle a exposición dos premios de arquitectura "Grandearea"

18/04/2008

O PASEO DA CORREDOIRA ACOLLE A EXPOSICIÓN DOS PREMIOS DE ARQUITECTURA “GRANDEAREA” 

O céntrico paseo da Corredoira tudense acolle dende onte, 16 de abril, ata  finais do presente mes, a exposición itinerante organizada polo Colexio de Arquitectos de Galicia que recolle as obras premiadas nos “Premios Grandearea de Aportación á Arquitectura”. Estes premios “Grandeareas” foron instituídos hai xa seis anos pola delegación viguesa do Colexio de Arquitectos de Galicia coa intención de recoñecer o labor dos arquitectos e promotores á hora de realizar unha arquitectura de calidade coa finalidade promover o seu coñecemento polo gran público e destacar os seus valores. Premíanse tanto os proxectos básicos como de execución ou obras xa construídas que teñan sido visadas o ano anterior na delegación. 

Nesta VI edición dos premios Grandearea, correspondente a os proxectos visados no anos 2006, premiáronse dezasete obras asinadas por catorce estudios de arquitectura. Os premios abranguen vivendas unifamiliares, edificios de vivendas, rehabilitacións e, incluso, obra pública. A maioría das obras está ubicada en Vigo ou nos municipios do sur da provincia de Pontevedra. 

A exposición que encetou o seu percorrido o pasado mes de decembro en Vigo, esta deseñada polo estudio de arquitectura de Alberto Quintáns, Emma Ríos e Cristina Ansede, e na súa itinerancia visita as localidades de Baiona, O Porriño, A Guarda, Tui e Redondela. 

Para o Concelleiro de Cultura do Excmo. Concello de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, resulta moi satisfactorio que o Colexio de Arquitectos de Galicia teña escollido á cidade de Tui para realizar esta exposición, pois a mestura entre as propostas arquitectónicas contemporáneas e o Paseo da Corredoira co seu carácter histórico e patrimonial resulta certamente atractivo, amais esta exposición ten o interese engadido de realizarse en plena rúa para lograr así unha mellor difusión entre os veciños de Tui e os visitantes a nosa cidade. Por último, o concelleiro tudense agradece ao Colexio de Arquitectos de Galicia o seu interese por achegar ata a nosa cidade esta exposición.