Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Goberno Municipal de Tui rexeita as mentiras do BNG sobre a tala de piñeiros no CEIP de Randufe

7/05/2012

Na pasada semana o voceiro do grupo municipal do BNG acusaba ao goberno municipal de Tui de irregularidades ao realizar a venda de madeira procedente dunha tala no CEIP de Randufe, unhas manifestacións que para o goberno municipal tudense carecen de fundamento e só pretenden xerar confusión na opinión pública con infundadas acusacións, nunha práctica habitual neste grupo político.

 

A tala dos piñeiros existentes no interior e no perímetro exterior do CEIP de Randufe foi acordada nunha xuntanza con representantes da comunidade educativa deste centro escolar por canto estes arbores representaban unha ameaza á seguridade dos escolares deste colexio e incumprían a normativa legal sobre medidas contra os incendios forestais.

 

Segundo o concelleiro de medio ambiente, Angel Gutierrez González, tomada a decisión da tala foron solicitadas diversas ofertas sendo adxudicada á que presentaban condicións máis vantaxosas para o Concello. Por parte do adxudicatario foron aboados nunha conta bancaria do Concello un total de 525 Euros, respectándose en todo momento o normal funcionamento administrativo deste proceso.

 

Lamentablemente nunha nova ocasión o BNG de Tui ten realizado graves e infundadas acusacións contra o equipo de goberno, falando de “bolsas de diñeiro”, de “4000 euros”, etc de cuxa falsidade era perfectamente consciente pois con data 20 de abril fóralle comunicado por escrito e como resposta a unha pregunta súa todo este proceso. Por mágoa, sinala o concelleiro tudense de Medio Ambiente, a practica de “todo vale” é usada a cotío polo BNG creando dúbidas sobre a xestión municipal.

 

Por outra banda a concellería de educación, unha vez aprobados definitivamente os orzamentos municipais, procederá axiña a reparación das deficiencias existentes no equipamento deste centro tal como foille indicado aos responsables do mesmo.