Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O clásico “Pedro o lobo” chega este venres ao Teatro Municipal de Tui

24/10/2023

Fantoches Baj presenta unha adaptación do conto de Prokofiev ambientando nun parque temático que recrea o circuíto dun tren a vapor

O clásico de Prokofiev “Pedro e o lobo” chega este venres, ás 19.30 h, ao Teatro Municipal de Tui da man de Fantoches Baj. A compañía nesta nova posta en escena combina o relato do narrador, coa representación das accións que se describen ou evocan na música. Na representación empregan marionetas feitas coa técnica do bunraku, con manipulación á vista, co que ao longo do espectáculo se alternan as funcións de narrador e de actor.

Esta proposta teatral centra o conto nunha estación de tren pechada, nun espazo que quixo ser moderno, pero que finalmente foi abandonado e que a natureza comeza a recuperar. A historia é contada por tres antigos operarios do ferrocarril, apaixonados polos trens, que deixaron o seu traballo de desmontadores de estacións para converterse en donos dun parque infantil.

Sobre o escenario estarán coma actores-manipuladores Larraitz Urruzola, Luchi Iglesias e Inacio Vilariño, que tamén dirixe o espectáculo. 

Así contarannos a historia de Pedro e Mariola, un matrimonio de fillos e netos de traballadores do ferrocarril, donos agora dun parque temático onde se recrea en miniatura un circuíto dun antigo tren a vapor. Partindo destes elementos contan ao público como se coñeceron na estación abandonada de Montefurado, nun día no que toda a aldea andaba á procura dun lobo. Fantoches Baj adapta o clásico Pedro e o Lobo de Prokofiev para contarnos unha historia de emocións humanas: a superación, o amor, a vinganza, o medo e o orgullo e finalmente unha defensa do lobo e da necesidade de valorar a natureza.  

As entradas están á venda en tui.gal aos prezos de 4€ e 3€ até o venres ás 19.15 h.