Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Alcalde de Tui amosa a sua preocupación polo proxecto de Nova Demarcación Xudicial

8/05/2012

Rexeita a posible a supresión do Partido Xudicial tudense

 

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, ten expresado a súa preocupación polos proxectos do Consejo General del Poder Judicial de modificación dos partidos xudiciais do sur de Pontevedra e que propoñen a unificación das demarcacións xudiciais de Ponteareas, O Porriño e Tui. Neste senso ten expresado a súa oposición a unha posible desaparición do partido xudicial tudense por medio de cartas dirixidas ao presidente do Consejo General del Poder Judicial, ao presidente da Xunta de Galicia e ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Administracións Públicas. Igualmente ten enviado aos alcaldes dos municipios do Baixo Miño unha carta solicitando o seu apoio neste asunto.

 

Moisés Rodríguez expresa nestas cartas que a centralización da administración de xustiza, unificando os partidos xudiciais, non contribuirá en ningún caso a resolver os grandes problemas da administración de xustiza que están relacionados especialmente cos retrasos na tramitación dos procesos xudiciais e que esta unificación alonxará aos cidadáns da administración de xustiza, incluso fisicamente pois esixirá desprazamentos máis longos para acceder aos órganos xudiciais.

 

Por outra banda o alcalde tudense está convencido que esta posible medida de supresión do partido xudicial tudense repercutiría negativamente no desenvolvemento da cidade e da súa bisbarra ao verse privada destes órganos xudiciais, afectando a súa oferta de servizos.

 

O rexedor tudense confía que por parte dos responsables xudiciais e políticos este proxecto de novas demarcacións xudiciais non pase desta fase respectando un partido xudicial que está plenamente consolidado e  que ofrece un servizo público axeitado e de proximidade. O Concello tudense ratifica a súa oferta de colaboración coas administracións públicas competentes para mellorar a calidade dos equipamentos xudiciais na nosa cidade que redunden nunha máis alta calidade da administración de xustiza en Tui.